O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) comezará este mércores a súa campaña de Nadal. Participarán o cento por cento dos negocios asociados ao colectivo.
O CCHV decorará por cuarto ano as rúas de Viveiro e como novidade instalará na Praza Maior unha árbore de luces que alcanzará os nove metros de altura.
O colectivo de comerciantes convida a quitar selfies na árbore e fará un sorteo nas redes sociais en colaboración con Cines Viveiro. O autor da fotografía máis divertida gañará entradas de cinema para un ano.
Como é habitual, haberá 130 abetos naturais colocados nas entradas dos comercios, que cada negocio decorará ao seu aire. Ao remate da campaña de Nadal, as árbores serán replantadas no monte San Roque polo alumnado dos colexios da zona.
A atmosfera de Nadal que prepara o CCHV será tamén musical, cun fío musical que reproducirá panxoliñas ao longo do centro urbán. O acendido do alumeado será o mércores 5, e durará ata pasado o día de Reis.
O colectivo de comerciantes instalará de novo a Casiña de Papá Noel na Praza Maior de Viveiro, desde as 17.30 horas ás 20.30 da tarde. Os nenos poderán sacar fotos con el, levar caramelos e deixarlle as súas cartas.
Esta actividade terá durante uns días -do 26 ao 29 de decembro- un cariz solidario, pois Dignidad Viveiro recollerá alimentos roupa e xoguetes para as familias necesitadas.
Na previa da Noiteboa, o día 23, o coro Tempus Fugit percorrerá os lugares máis emblemáticos da cidade para ofrecer o seu repertorio de Nadal. O concerto de rúa comezará ás 18.30 horas.
SORTEOS
O colectivo de empresarios viveirense sorteará máis de 5.000 euros en premios. Os días 21, 22 e 23 celebrarase na Praza Maior a ‘Ruleta do Nadal‘. Poderán probar sorte aqueles clientes que posúan tickets de compra por un valor mínimo de 20 euros.
A partir do mércores 26, coas compras realizadas nos comercios asociados entregaranse as papeletas para entrar no sorteo de tres premios de 1.200 euros en vales de compra. O sorteo farase o 4 de xaneiro de 2019, ás 20.30 horas na Praza Maior.
Tamén, en colaboración coa Deputación de Lugo e a Federación de Comercio Provincial, o CCHV participará na campaña ‘Merca e gaña polo Nadal’, na que se sortearán 10.000 euros en tarxetas regalo. Os clientes deberán colgar unha foto do seu ticket de compra á web www.nadalmercaegana.com.
ABERTO EN FESTIVOS
Os comercios de Viveiro facilitarán as compras ao abrir o sábado 8 e os domingos 23 e 30 de decembro.
PERÍODO FUNDAMENTAL
A xerente do CCHV, Isabel Méndez, sinala que a campaña de Nadal é “a máis importante do ano porque é potente para todos os ámbitos do comercio -a hostalería, a alimentación, a roupa, os agasallos- e porque é a máis longa no tempo, pois dura practicamente un mes”.
Despois da riada que asulagou o centro de Viveiro e que prexudicou a numerosos negocios, o cento por cento dos asociados ao colectivo de comerciantes “está con moitas ganas de que empece a campaña e de acabar ben un ano que nos trouxo dificultades, tanto pola perda de mercancías e problemas nas instalacións, como a nivel anímico. Merecemos rematar cun bo sabor de boca“, sinala Méndez.
A xerente convida a desfrutar do ambiente de Nadal que respirará Viveiro, ao que contribuirá o CCHV, e a mercar “nun centro comercial ao aire libre nun casco histórico fermosísimo. Vén visitarnos xente de Ortegal, da Terra Chá, de Lugo e Asturias. Cada vez é maior o tirón de Viveiro nestas datas”, conclúe.