O PP de Burela pediu por escrito ao alcalde, o socialista Alfredo Llano, “a suspensión do procedemento” iniciado o pasado 29 de novembro para a contratación do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e de praias, así como para a xestión do punto limpo.
Os populares consideran que “hai elementos para pensar que a adxudicación que se pretende vai ser 109.000 euros máis cara ao ano sen motivo aparente”, xa que na memoria xustificativa do servizo non se detallan melloras nin un aumento de persoal.
O PP burelés tamén fala dunha suposta merma na competitividade pola adxudicación, xa que cos criterios de solvencia requeridos polo goberno local na mencionada memoria, “vai quedar moi restrinxida a posibilidade de presentarse”.
CRITERIOS DE VALORACIÓN
O grupo municipal popular advirte de “podería ser que a oferta gañadora sexa a máis cara”, dado que, sostén, “os criterios de valoración subxectivos das ofertas que se presenten van supoñer o 45% do total da valoración das ofertas”.
Así, o PP de Burela entende que “non hai suficientes garantías de que se eviten conflitos de intereses entre as empresas” e reclama a suspensión dun procedemento que “pode nacer viciado”.