Este luns abriu ao tráfico rodado a avenida Álvaro Cunqueiro, unha das dúas vías principais da vila de Foz, despois das obras de remodelación que comezaron a principios do pasado mes de maio.
A partir da reforma, a dirección da circulación nesta vía será cara Burela, ao igual que a Avenida da Mariña, o que suscitou críticas por parte do PSOE focego.
O goberno local de Foz advirte de que quedan algúns pequenos traballos que non impiden o tránsito. Desde o Concello piden “prudencia” e lembran que se trata “dunha zona de prioridade peonil e a circulación está limitada a 20 quilómetros/hora“.
As obras, que superaron os 900.000 euros de investimento, aspiran a humanizar a vía e dinamizala como zona comercial.
AVENIDA DA MARIÑA
O equipo de goberno focego tamén lembrou que a Avenida da Mariña debe ser utilizada “como unha vía de uso comercial, carga e descarga de residentes”.