O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón utilizar o miradoiro ‘Os Paredones‘ de Mondoñedo como un centro de inmersión lingüística.
O partido frontista presentará mocións nos plenos municipal e provincial para que o inmoble, que pertence á Deputación de Lugo, poda acoller un centro educativo que mesture as clases tradicionais con actividades culturais, deportivas e de ocio.
O BNG lembra que o edificio, que a institución provincial tentou vender sen éxito no 2011, “deteriórase día a día” e asegura que a iniciativa “xurdiu do tecido asociativo de Mondoñedo tras unha xuntanza en xaneiro”.
Os nacionalistas cren que as instalacións e a situación xeográfica de Mondoñedo son “ideais para ubicar este centro, que melloraría a formación dos alumnos interesados no coñecemento dunha segunda lingua por medios intensivos, e para a realización de actividades”.
Segundo expón o BNG, “adultos, rapaces, empresas ou colexios” poderían ser os beneficiados polo centro, pois “poderían optar a programas formativos, cursos, másteres e campamentos de inmersión, en niveis básico, intermedio e avanzado”.
Para iso, indican os nacionalistas, sería preciso dotar ao edificio de “aulas, mobiliario e equipamento didáctico ou zonas verdes e de ocio”. O BNG mariñao cre que o centro sería “un referente en Galicia”.
REHABILITACIÓN
O miradoiro foi acondicionado cun investimento de 274.000 euros para a primeira fase da súa rehabilitación, con fondos da Deputación e a Xunta. O goberno provincial incluíu nos orzamentos para 2019 unha partida de 300.000 euros para unha segunda fase de mellora.
A Deputación quere facer do miradoiro un albergue co que paliar as dificultades de aloxamento que ten Mondoñedo, paso do Camiño norte cara Santiago. Unha intención que rexeita o goberno local, que aspira a facer do casco histórico un final de etapa.