O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, trasladou á propietaria do inmoble de San Martiño (Foz) afectado por un incendio as liñas de apoio que a administración autonómica ten previstas ante sinistros desta natureza.
En particular, o Goberno autonómico puxo a disposición da afectada os servizos de apoio da administración autonómica tanto para solucionar a necesidade inminente de vivenda como para, no seu caso, valorar a reconstrución do inmoble danado polo lume.
No primeiro dos casos, Balseiro comunicou que existen dúas posibles alternativas: En primeiro lugar, optar polo bono alugueiro social. Neste caso, a propietaria podería alugar calquera vivenda da súa elección e recibir unha axuda da Xunta de 200 euros ao mes durante tres anos.
Ademais, poderáselle conceder unha axuda complementaria, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ou para gastos de mudanza, nese caso por un importe adicional e único de 600 euros.
Como segunda proposta o Instituto Galego de Vivenda e Solo ofrécelles unha vivenda de promoción pública, a través do sistema de adxudicación directa. Neste caso hai inmobles vacantes dispoñibles en Cervo, Barreiros e Lourenzá.
Finalmente a Xunta tamén trasladou que existen axudas dirixidas á rehabilitación da vivenda sinistrada, a través de dúas vías: as subvencións dos programas de rehabilitación de vivendas e, no seu caso, o programa de préstamos cualificados, cos que afrontar o custe das obras necesarias para recuperar o inmoble incendiado.
O delegado lembrou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda habilita recursos “para atender con dilixencia casos de emerxencia como o que sufriu esta veciña de Foz, a quen lle corresponde valorar se precisa facer uso dos mesmos”.
NOVO INCENDIO NA ANTIGA CONSERVEIRA DO VICEDO
Este xoves produciuse de novo un lume na antiga conserveira do Vicedo, aínda que a intervención de Protección Civil foi suficiente para apagar o incendio.