Arredor das oito da tarde do pasado martes deuse por finalizado o incendio da nave de rotulación de Celeiro (Viveiro) que, do mesmo xeito, resultou completamente calcinada. Salváronse as oficinas, pero aínda así sufriron os efectos do intenso fume.
Así o confirma o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia. O incendio comezou pasadas as dúas da tarde do pasado martes e mantívose controlado pero activo ata case as oito da tarde. Foron horas de traballo que afrontaron os Bombeiros de Viveiro coa colaboración dos membros do distrito forestal da zona e os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo. Non houbo que lamentar danos persoais.