InicioSucesosO avogado de Coté tenta desmontar a instrución e o fiscal eleva...

O avogado de Coté tenta desmontar a instrución e o fiscal eleva a petición a 338 anos de cárcere

O ministerio fiscal pide o aumento do delito a "estafa hiperagravada" e que se amplíe a actividade delituosa do falso médico de Viveiro a 1998; a defensa solicita a nulidade das escoitas

Publicada o

- Advertisement -

A Fiscalía elevou en catro anos a pena de cárcere solicitada para o falso médico de Ferrol e ViveiroJosé Manuel López Pérez, coñecido como Coté, no primeiro día de xuízo celebrado na Audiencia Provincial da Coruña. O fiscal sobe o delito de estafa a hiperagravada, polo que o home enfróntase a peticións de penas que suman un total de 338 anos de prisión.

Segundo o escrito de cualificación dos feitos, o home está acusado de delitos de intrusismo, estafa, falsidade, homicidio por imprudencia e lesións. Nas cuestións previas da sesión, o fiscal solicitou que se amplíe a actividade delituosa a dez anos antes da súa detención e o embargo e comiso de todas as súas propiedades desde 1998.

Pola súa banda, o avogado do falso médico, Felipe Patiño, reclamou a nulidade de das escoitas telefónicas de 2007 por ser, dixo, “vulneración do dereito do segredo das comunicacións”. Segundo o letrado, estas probas non cumpren os “requisitos de motivación, proporcionalidade e excepcionalidade” porque non existiu “investigación xudicial previa” para a resolución xudicial.

Por estas razóns, o avogado da defensa pediu anular o auto do xuíz instrutor para intervir o teléfono da clínica do procesado en Ferrol e do seu propio porque estaba “xustificado” só, dixo, con noticias de prensa e capturas de pantalla de internet.

ANTECEDENTES

O letrado especificou que o falso médico tiña antecedentes “cancelados” porque había dous procesos “sobreseídos” en anos anteriores. “Non estaba a realizar ningunha actividade ilícita“, asegurou, polo que considera que se debía optar por “métodos de investigación menos lesivos”.

Se había, continuou, “riscos graves para a saúde“, como se alega no auto, preguntouse por que non existían, dixo, “denuncias”. “Parece evidente que, con carácter previo a intervir as comunicacións, habería que consultar aos pacientes”, defendeu.

Tamén considera que existiu “falta de xustificación” para o rexistro da casa e da clínica de Ferrol no ano 2008 polo que cre que esta medida “vulnera o dereito de inviolabilidade do domicilio”.

CUESTIÓNS PREVIAS

O avogado da asociación de vítimas, Rubén Veiga, pediu, na súa quenda de cuestións previas, excluír a tres persoas do conxunto das que representa, que suman 101, e denunciou a retirada de 3.000 euros dos fondos reservados para posibles indemnizacións.

Están personadas na causa outras vítimas a título particular e tamén o Estado como a Xunta, a través do Sergas, así como o Colexio de Médicos da Coruña, o de Fisioterapeutas de Galicia e o Consello Xeral de Fisioterapeutas de España. Participaron ata trece letrados nesta primeira sesión.

O xuízo celébrase na sala Emilia Pardo Bazán, habilitada especialmente para o xuízo polo elevado número de partes implicadas. O acusado, de traxe e gravata azul, e a súa muller, tamén procesada e vestida de negro, mostráronse tranquilos durante a primeira sesión. O macroxuízo alongarase ata marzo.

OS ACUSADOS DECLARARÁN A VINDEIRA SEMANA

Ás portas da sé xudicial, a voceira da Asociación de Afectados de Intrusismo Médico Sanitario, Esther Fontán, lamentou, en declaracións á prensa, que a instrución alargouse trece anos e condenou o dano “físico”, “psíquico” e “psicolóxico” que lles causou supostamente Coté. “Non esperamos reparación, o único que esperamos é poder pasar páxina, vivir a nosa vida, desde a única convicción e a tranquilidade de que, polo menos durante unha longa tempada, non o imos atopar pola rúa”, recalcou a representante de 101 prexudicados.

O encausado, que cumpre condena na prisión do Pereiro de Aguiar (Ourense) por estafar a unha vintena de persoas en Vinarós (Castellón), acudiu á vista, na que tamén estivo a súa esposa, imputada por un delito de blanqueo de capitais. As declaracións de ambos serán os días 17 e o 18 de decembro. Segundo o relato da Fiscalía, o acusado atribuíuse publicamente a condición de médico, “pese a non contar con máis estudos que o Bacharelato”, e aplicou tratamentos consistentes “no fornezo de sustancias non especificadas” e tamén “na realización de auténticas operacións cirúrxicas co conseguinte quebranto da integridade física das súas vítimas”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...