O Concello de Viveiro, coa asistencia da Policía Local e Protección Civil realizou unha primeira valoración dos danos do desbordamento, o pasado domingo, dos ríos Fontecova e Labrada, que asulagaron, respectivamente, o barrio de Xunqueira e varios puntos da cidade do Landro e provocaron a morte dunha muller.
NIVEL VERMELLO
Na xuntanza delimitáronse tres áreas de intervención segundo a gravidade dos danos ocasionados. O goberno local asignou aos barrios da Carrapota e Xunqueira unha consideración de nivel vermello.
En concreto, na zona da Carrapota, segundo expón a alcaldesa, a socialista María Loureiro, “hai algunhas casas pequenas e o río está ao descuberto, polo que supón un perigo”. Por iso, o goberno local solicitou a Augas de Galicia que interveña.
DANOS
A reunión serviu para realizar un primeiro balance de perdas mentres continúan, tamén ao longo da semana que vén, as tarefas de peritaxe en colaboración coa Deputación de Lugo para a realización dun informe de valoración de danos.
a deputación de lugo colabora na realización dun informe valorativo dos desperfectos, que continúa aberto
No tocante aos danos materiais, detectáronse indicidencias en viais, rúas peonís, edificacións ou estruturas públicas, mobiliario, servizos, comercios, vehículos e outros inmobles.
ESTRADAS
Os 24 viais afectados foron os seguintes: Travesía da Mariña, Avenida de Galicia, Avenida Ramón Canosa, Avenida de Cervantes, Praza Juan Donapetry, Campo de Urraca, vial de Campo de Verdes, rúa Alonso Pérez, Rego das Frores, glorieta Ecce-Homo, avenida de Cantarrana, Granxas, pista en Alvarelle, inicio da estrada de Vieiro, LU-540 en Xunqueira, baixada a barrio de Xunqueira, acceso á Carrapota, estrada de Fontecoba, estrada da Carreira, estacionamento estación de autobuses, acceso ao muelle de Viveiro, Lodeiro, estacionamento do centro de saúde e estrada de Santo Albites.
RÚAS PEONÍS
No tocante ás rúas peonís, as riadas ocasionaron danos en nove delas: Pedro Farto, Margarita Pardo de Cela, 10 de marzo, Praza Maior, María Sarmiento, Pastor Díaz, Praza Fontenova, Vicente Cociña, Melitón Cortiñas e Almirante Chicarro.
EDIFICIOS PÚBLICOS
O rebordamento dos ríos Fontecova e Labrada prexudicou tamén a 17 edificacións ou estruturas públicas: Fonte de Área, lavadoiro de Campo Urraca, xardíns Pontelabrada, ponte de Campo de Verdes, colexio vello de Covas (interior da edificación e muro exterior), pontes dende Carrapota ata hórreo de Xunqueira (cinco), hórreo de Xunqueira, Ponte de Cabandela, Ponte dos Muíños, Ponte Cruz da Rocha, Pontes da Carreira (dous) e Cemiterio de Altamira.
MOBILIARIO URBÁN E SERVIZOS
Gran cantidade de mobiliario urbán, como contedores, bancos, papeleiras ou luminarias, padeceu os efectos das riadas, así como os servizos de alumeado público de Xunqueira, o suministro de auga e a rede de sumidoiros, atascada pola lama.
o goberno local pediu á xunta un camión cisterna para limpar a lama acumulada na rede de sumidoiros
Neste senso, solicitouse un camión cisterna á Xunta de Galicia para facilitar as tarefas de limpeza dos sumidoiros. O Goberno galego comprometeu este servizo a partir da vindeira semana.
NEGOCIOS E OUTROS INMOBLES
O comercio, especialmente o da Avenida de Galicia e Pastor Díaz, tamén padeceu as riadas. Queda por contabilizar o número de negocios, aínda que o Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) cuantificou en máis de 50 os socios afectados.
No apartado de outros inmobles atópanse a Estación de autobuses, Gadis, Albarelle, Capela Ecce-Homo e Convento de Valdeflores tamén sufriron a catástrofe.
En canto aos vehículos, houbo 40 afectados: 27 turismos, 5 caravanas, 2 cuadriciclos, un ciclomotor, tres tractores e dous remolques.
o concello suspenderá as actividades madereiras nas pistas afectadas
O Concello ditará un decreto para suspender as actividades de saca de madeira nas pistas afectadas polas riadas, tendo en conta o estado de conservación dalgunhas delas e mentres non se arranxen.
ASESORAMENTO LEGAL
O goberno local resalta a colaboración do Ilustre Colexio de Avogados de Lugo, que se ofreceu para axudar aos afectados.
O colexio prestará asesoramento legal en materia de vivenda de balde, a fin de que persoas en situacións de desamparon conserven as súas casas ou consigan un realoxo favorable. Atenden no teléfono 982.241.007 ou no correo electrónico icalugo@avogacia.org.
o colexio de avogados ofrece asesoramento de balde en materia de vivenda e con reclamacións
Se ademais da orientación fose preciso realizar algunha reclamación xudicial, aproveitarase a infraestrutura colexial do Turno de Oficio, para o que haberá que tramitar a concesión do beneficio de xustiza gratuíta.
130 AFECTADOS PASARON POLO CONCELLO
Ao informe de perdas e danos haberá que engadir as vivendas afectadas pola riada.
Segundo confirmou a rexedora, uns 130 afectados -veciños e comerciantes- pasaron pola oficina de atención habilitada polo Concello, coa colaboración da subdelegación de Goberno.
O goberno local ten un mes de prazo para realizar unha solicitude de declaración de zona catastrófica ou de zona de emerxencia de protección civil.