O Xistral denunciou 318 ataques de lobo no primeiro semestre do ano

Malia que a cifra de avisos non se corresponde co número de danos polo cánido nin de reses afectadas, os datos da Xunta mostran unha alza das denuncias desde o ano 2017

Becerra duns días devorada polo lobo no Valadouro. AXM

Como cada verán, os ataques do lobo ás reses seguen a xerar polémica na Serra do Xistral, a zona de Galicia onde máis se concentran os incidentes e as peticións de axuda dos gandeiros. A Xunta de Galicia documentou, no primeiro semestre do ano, un total de 318 avisos en nove dos concellos que forman o conxunto montañoso, aqueles que forman parte da Mariña Lucense ou limitan con ela.

Destes municipios, á cabeza das denuncias presentadas ante a Consellería de Medio Ambiente está Muras, con 102 avisos nos seis primeiros meses de 2019. Abadín é o segundo concello con, a priori, unha maior incidencia do lobo, con alertas de 70 posibles ataques.

En Alfoz, os gandeiros realizaron seis denuncias; en Mondoñedo, 23; no Valadouro, 34; Ourol é o municipio mariñao cun maior número de incidentes, 58; en Viveiro, deuse parte por ataques do lobo en 20 ocasións; finalmente, en Xove tramitáronse cinco demandas, por ningunha en Cervo.

A cifra de advertencias mesmo aumentaría de ter en conta concellos máis afastados da comarca pero con incidencia do lobo, como Vilalba ou Xermade.

Os datos non se corresponden co número de ataques. En primeiro lugar, porque algúns gandeiros deciden non denunciar ante a posibilidade de non recibir compensación ningunha polos danos ou debido á tardanza en cobrar as mencionadas axudas. Tamén, aseguran os ecoloxistas, porque en ocasións atribúense ao lobo ataques realizados por outras especies, como cans que viven en estado semisalvaxe.

2017: DE 396 A 630 DENUNCIAS NA PROVINCIA

Sexa como for, as cifras din que o número de denuncias mantense á alza desde o ano 2017, que supuxo un punto de inflexión. Nese exercicio, a Xunta documentou na provincia de Lugo un total de 630 peticións, 234 máis ca no anterior curso e 347 máis ca no 2016.

O ano 2018 afirmou a tendencia, xa que no mes de outubro, a dous meses do peche do exercicio, a Consellería de Medio Ambiente compilara 706 advertencias na provincia.

Muras é un exemplo. No 2017, a Xunta recolleu 84 denuncias procedentes deste municipio; un ano máis tarde, rexistráronse 242 solicitudes. De manterse a evolución no segundo semestre do ano, os gandeiros muregos terán denunciado no 2019 máis de 200 incidencias.

No 2018, en Abadín déronse 125 avisos; en Alfoz, 18; en Mondoñedo, 33, só dez máis ca nos primeiros seis meses de 2019; no Valadouro, 87; en Ourol, 119; en Viveiro, 50, mentres que en Xove houbo 15 denuncias.

Deste xeito, as 318 denuncias documentadas nestes concellos do Xistral durante os seis primeiros meses do ano superarían ao total dos avisos rexistrados en toda a provincia de Lugo no 2015 (283), 2014 (266), 2013 (272), 2012 (280), 2011 (270) e 2010 (278).

LUGO, A ZONA MÁIS AFECTADA

Cabe salientar tamén que o número de advertencias non se corresponde co número de reses falecidas ou feridas. Nese mesmo 2017, os 630 avisos realizados na provincia de Lugo alertaron de incidentes cun total de 1.093 cabezas de gando.

Entre as especies danadas destacaron as ovellas (486), seguidas das vacas (329), os cabalos (209) e as cabras (69).

A provincia de Lugo distínguese como a zona máis afectada, dado que na Coruña houbo 232 denuncias, por 172 de Ourense e 169 de Pontevedra. Así, nas terras lucenses producíronse o 52,36% dos avisos (dun total de 1.203) e déronse o 45,94% das reses afectadas (dun total de 2.379).

A POBOACIÓN DE LOBO, FONTE DE POLÉMICA

O último censo da poboación de lobos da Xunta de Galicia, elaborado no 2015, documentou un total de 90 mandas reprodutoras, por 68 da sondaxe anterior, de 2003. Destas 90, entre seis e oito moveríanse polo centro-norte da provincia de Lugo.

No pasado mes de outubro, os alcaldes do Xistral fixéronse eco da reclamación dos gandeiros dun novo reconto, pois denuncian que a especie se está a espallar sen control e minguar as explotacións. Os propietarios síntense desprotexidos.

TRALO DE 2015, A XUNTA NON BARALLA NOVOS CENSOS

Segundo o último censo realizado, a empresa adxudicataria concluía que o lobo “se mantén e mesmo experimentou un certo aumento en Galicia nos últimos 15 anos”, aínda que matizaba que detrás dos resultados tamén podían estar “as melloras ao longo dos anos nas técnicas de mostraxe”. Por agora, no horizonte da Xunta non está facer unha nova sondaxe.

BATIDAS E MONTERÍAS, A DEBATE

En relación co debate sobre o número de cánidos está a petición dos gandeiros e cazadores de habilitar batidas ou monterías, pois como especie considerada cinexética, o lobo é susceptible de cazarse se o autoriza a Administración galega, que confirma que xa recibiu peticións nesta zona do Xistral para estas dúas prácticas.

Cercos ao animal que os ecoloxistas consideran censurables e mesmo contraproducentes, pois poden “descabezar as mandas de líderes experimentados”, e que os titulares das explotacións reclaman como “necesarios” para poder vivir do seu gando e así, salientan, “non abandonar o rural“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here