InicioSucesosO lobo mata unha xata e un poldro no Valadouro

O lobo mata unha xata e un poldro no Valadouro

O gandeiro, natural de Vilacampa, dá por perdidos "700 euros" ao atopar a becerra máis de 72 horas despois do ataque

Publicada o

- Advertisement -

O lobo volveuse facer notar na Mariña Lucense ao longo destes últimos días, nos que matou unha xata e máis un poldro dunha explotación extensiva de Vilacampa, no concello do Valadouro.

O propietario, Víctor Pena, explica que o poldro quedou ferido tralo ataque do cánido e morreu nos días sucesivos, mentres que da becerra ficou pouco máis que o esquelete, que o gandeiro atopou no monte catro días despois da súa morte.

Pena, que ostenta arredor de cen vacas ademais de cabalos e ovellas, expón que en marzo xa perdeu “varios poldros pequenos” a causa dos ataques do lobo. “Se non os recollemos de pequenos non queda nada”, indica.

DOCE RESES MORTAS CADA ANO

Así, calcula que a súa explotación perde a causa dos ataques arredor dunha ducia de reses anuais, sobre o dez por cento do total de cabezas de gando vacún, cabalar e ovino. A isto suma os abortos das vacas preñadas a causa do estrés que provocan os encontros co seu depredador. Tamén lembra que hai animais destinados á cría, “polo que perdes potencialmente anos de ter outros exemplares. Sempre houbo lobo”, asegura, “pero agora mesmo está a cousa descontrolada”, matiza.

O CONCELLO PEDIRA AOS GANDEIROS QUE DENUNCIEN

No pasado mes de xullo, o Concello do Valadouro instou aos gandeiros a denunciar á Consellería de Medio Ambiente os ataques a reses como única forma de acadar algunha compensación e para visibilizar a problemática.

Tralo bando do executivo municipal está a fartura de moitos gandeiros, algúns dos cales non contemplan as axudas comprometidas pola Xunta de Galicia como unha solución pola contía das mesmas e pola tardanza en cobralas.

Restos da becerra. AXM

Pena explica que o mesmo gandeiro pode ter unha sorte dispar. “Eu sempre dou parte a Medio Ambiente. O ano pasado cobrei por un poldro, e nese caso bastante ben valorado. Pero no caso desta becerra”, que taxa en arredor de 700 euros, “xa a teño que dar por perdida, porque a atopei varios días despois do ataque”, lamenta o gandeiro.

O titular da explotación pide unha maior flexibilidade á hora de conceder estas achegas, para as que se require presentar a solicitude como máximo 72 horas despois do ataque. “Estiven buscando a vitela venres, sábado, domingo e luns. Se cobro algún diñeiro por ese esforzo compensa, pero agora é tempo perdido, no que debía estar traballando”, remarca.

“Entre as dúas reses irán aló máis de 1.000 euros, e non me van perdoar o seguro de accidentes nin de recollida de animais”, expón.

UNHA BATIDA, O PASADO 18, NON CAPTUROU EXEMPLARES

Outra das razóns polas que o Concello valadourense pediu publicamente aos gandeiros que denuncien é que dar parte dos ataques pode favorecer que a Xunta de Galicia autorice unha batida, medida que conta con popularidade entre os gandeiros, porque consideran que a poboación de lobos vai en aumento.

“Está a haber ataques por toda a serra do Xistral, en Cospeito, mesmo en Celeiro“, enumera Pena, que cre que “se hai tantos ataques non é cousa dunha manada”.

As asociacións ecoloxistas, pola súa banda, remarcan que a medida pode ser contraproducente pois, aseguran, pode descabezar a manada e producir un aumento dos ataques pola ausencia de líderes experimentados.

Segundo expón Pena, a Xunta autorizou unha batida -para menos de 30 participantes- o pasado 18 de agosto, na que non se capturou ningún exemplar. “Non conseguimos nada, porque déusenos permiso para un só animal e os cazadores ían con medo de matar máis dun lobo e ser sancionados”, explica López.

Os ataques soen repuntar no verán, momento do nacemento dos poldros novos, ata outubro, cando os cachorros do lobo comezan a ir coa manada. A principios do pasado outono, os alcaldes do Xistral uníronse para reclamar ao Goberno galego unha solución para a ferida aberta da, por agora, difícil convivencia entre o cánido e o ser humano que vive na montaña.

ÚLTIMAS

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...

O servizo de recollida de residuos orgánicos comezará en Viveiro o día 18 de decembro

O Concello de Viveiro informa á cidadanía de que o vindeiro día 18 de...

O Concello de Ribadeo sinala que non subirá as taxas da auga e do lixo

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta...