O PSOE saca adiante o goberno en Burela tras condicionar o BNG as retribucións por dedicacións parciais

Os socialistas aceptan no pleno organizativo a emenda do Bloque, que pedía "por igualdade" rebaixar a contía a percibir por José Díaz e Ramiro Fernández en favor de Carmela López

Pleno organizativo de Burela. AXM

Case oito meses despois das eleccións municipais, que deberon repetirse por orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na mesa 1.5.U do Perdouro, Burela ten novo goberno local. Constituíuse logo dun pleno organizativo con suspense, no que se foi a luz en varias ocasións e após de que o PSdeG-PSOE, que gobernará en minoría, aceptase as emendas presentadas polo BNG para a aprobación das tres dedicacións parciais propostas polos socialistas.

Os nacionalistas conseguiron condicionar o reparto das retribucións, reducindo a cantidade asignada en principio para o edil de cultura, educación e sanidade, José Díaz, nun importe de 2.600 euros, de 10.500 a 7.900 brutos anuais, e para o concelleiro de obras, turismo e deportes, Ramiro Fernández Rey, primeiro tenente de alcalde, en 500; deste xeito, a delegada de políticas sociais e mar, Carmela López, que ostentará a segunda tenencia de alcaldía, verá aumentado o seu salario dos 7.000 aos 10.000 euros.

O BLOQUE PERCIBÍA “UNHA FENDA SALARIAL” ENTRE HOMES E MULLERES

Deste xeito, co mesmo importe destinado en principio polo PSdeG-PSOE, o primeiro tenente de alcalde e segunda tenente de alcalde percibirán a mesma cantidade, 10.000 euros brutos anuais, polo 25% da xornada. Díaz, que terá recoñecida una dedicación parcial do 20%, cobrará 7.900 euros. O BNG propuxo esta emenda ao interpretar que a proposta inicial dos socialistas supuña “abrir unha fenda salarial entre homes e mulleres na corporación de Burela, pois unha tenente de alcalde percibiría menos do que un concelleiro que non ostenta esta responsabilidade. Foi unha cuestión de igualdade a que nos levou a propór isto”, concluíu o voceiro da formación frontista, Mario Pillado.

O PSdeG-PSOE, que conta con seis edís por tres dos nacionalistas e catro do Partido Popular, debeu aceptar a corrección para sacar adiante o executivo local, pois precisaba alomenos da abstención do PP ou do Bloque para pechar a estrutura do Concello.

Tras pedir un receso que foi concedido para valorar a proposta dos nacionalistas, presentada e posteriormente corrixida a última hora, o voceiro do Partido Popular, Manuel Rouco, tentou sen éxito que se fixase un horario de atención para todos aqueles representantes do goberno con retribución, esgrimindo os socialistas que “cada persoa ten as súas peculiaridades e situacións, imos todos asumir as nosas responsabilidades e atender á veciñanza”.

LLANO: “IMOS POÑERNOS A ANDAR”

“Falámolo entre os concelleiros do grupo e imos aceptar. Todas as dedicacións que estaban previstas eran máis que merecidas, pero hai que buscar entendementos e traballar canto antes; imos poñernos a andar“, zanxou o alcalde, Alfredo Llano.

Tamén saíu adiante, coa abstención dos nacionalistas e o voto en contra dos populares, a liberación exclusiva do rexedor, que percibirá 45.000 euros brutos anuais; asumirá tamén urbanismo, Protección Civil, Policía Local e persoal. Toñi Eijo será a responsable de medio ambiente, escolas Infantís e festexos, e Noelia Ben levará cooperación, inmigración e terceira idade.

OS PLENOS, CADA DOUS MESES

Finalmente, a periodicidade dos plenos fixouse cada dous meses, últimos xoves de cada mensualidade, a pesar da oposición do PP, que pedía realizar unha sesión plenaria mensual, o que tanto nacionalistas como socialistas consideraron excesivo.

Si se atendeu a petición do PP para reagrupar as comisións informativas, dado que o goberno socialista propuña en principio once organismos diferentes, que se reducirán a oito: economía e facenda, urbanismo, infraestruturas, obras, medio ambiente e medio rural; benestar social, muller e igualdade; desenvolvemento local; deportes e xuventude; educación e cultura; turismo, comercio e consumo e persoal e seguridade cidadá.

GOBERNO EN MINORÍA

O pleno de organización evidenciou as dificultades que pode afrontar ao longo da lexislatura o PSdeG-PSOE, que deberá chegar a acordos para sacar adiante as súas propostas despois de que socialistas e nacionalistas mantiveran conversas antes e despois da sesión plenaria de investidura para a formación dun goberno de coalición, negociacións que fracasaron.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here