Unha mesa de Burela repetirá as eleccións municipais este domingo

Un total de 630 electores está chamado a votar nunha repetición á que CxG non concorrerá, que presenta varios escenarios posibles e que moitos ven como unha segunda volta de maio

Votación nunhas eleccións. AXM

As eleccións municipais que tiveron lugar o pasado 26 de maio repetiranse este domingo, día 17 de novembro, nunha mesa do concello lucense de Burela por orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O alto tribunal galego estimou o recurso presentado polo partido Burela Sempre por sete votos que foron declarados nulos e que poderían darlle un edil a esta formación, que quedou a un sufraxio de obter representación.

Este partido independente impulsado polo alcalde de Becerreá, o exsocialista Manuel Martínez, obtivo un 6,03% dos apoios, pero non alcanzou representatividade, nunha corporación encabezada polos seis edís do PSdeG-PSOE, que perdeu a maioría absoluta, e completada polos catro do Partido Popular e tres do BNG, que obtivo o décimo terceiro concelleiro.

A data desta repetición foi fixada para este domingo polo Consello de Ministros o pasado 20 de setembro. Nesa reunión, aprobouse a convocatoria de eleccións en 35 pobos e 88 entidades menores nas que non se celebraron eleccións o 26-M por falta de candidatos, así como en tres localidades nas que se anulou o escrutinio por irregularidades, entre elas, Burela.

NORMALIZAR A SITUACIÓN “CANTO ANTES”

O alcalde en funcións, o socialista Alfredo Llano, lamentou que a situación aínda non se normalizou e confiou en que se solvente “canto antes” tendo en conta que esta incidencia fai que o goberno municipal continúe “en funcións“.

“O problema de todo isto é que pasamos moitos meses en funcións”, incide o rexedor, que lembra que o resto de consistorios galegos celebraron o seu pleno de investidura o pasado 15 de xuño. Con todo, no caso de Burela, explica que esta non se poderá celebrar ata a primeira semana de decembro.

Esta situación, conforme lamentou, condiciona e atrasa cuestións como a aprobación dos orzamentos xa que “non se poden tomar decisións que afecten ao próximo goberno local, aínda que sexa o mesmo”.

403 VOTOS DE 630 NOS PASADOS COMICIOS

O TSXG ordenou a repetición da votación nunha das tres mesas que se instalan no IES Perdouro (Distrito 1 Sección 5 Mesa U) onde están censados 630 cidadáns das rúas Arcadio PardiñasBurela do CaboCamiño Real, CampónCanabalTorrentesEijo GarayFloresPascual Veiga e Zeppelin.

O 26 de maio votaron nesta mesa 403 persoas das 630 censadas. Un total de 157 votos foron para o PSdeG-PSOE, 107 para o PP, 66 para o BNG e 31 para Burela Sempre.

RETIRADA DE CxG E POSIBLES ESCENARIOS

“Hai que respectar exactamente os mesmos electores que había”, explica o rexedor, que critica que houbese algunhas modificacións nas listas que, na súa opinión, non deberían producirse.

Así, indicou que mentres que nas pasadas eleccións concorreron sete forzas, nesta ocasión unha delas decidiu renunciar a presentarse ao entender que os electores das outras mesas non tiñan os mesmos dereitos, Compromiso por Galicia (CxG). Ademais, Burela Sempre introduciu algún cambio na súa lista.

Deste xeito, presentaranse aos comicios seis en lugar das sete listas de maio: PSdeG-PSOE, PP, BNG, Burela Sempre, Ciudadanos e Vox.

O xeito de repetir os comicios suscitou críticas tamén do BNG ao entender que se dará unha segunda volta para 630 electores, sen respectar as “mesmas condicións” de abril.

Á vista destes datos, conforme apuntou, poden darse diferentes escenarios. Así, apuntou que todo “pode quedar igual“, que o PSOE pode recuperar un edil e con el a maioría absoluta, así como que o BNG perda un concelleiro que pasaría a Burela Sempre.

O BNG VE “ERRÓNEO” EXTRAPOLAR DATOS DAS XERAIS

Pola súa banda, o BNG burelao emitiu un comunicado no que sinalou que malia nas eleccións xerais deste pasado 10 de novembro o partido nacionalista “sumou 147 votos mais, cremos que obter conclusións de cara ó domingo é un erro. É moi tentador mirar os datos e facer os cálculos pertinentes, como se os resultados nesa mesa foran unha enquisa para o día 17, pero non é real porque nin se presentan as mesmas candidaturas nin o censo se comporta igual en clave xeral ca en clave local“, analizou o seu candidato, Mario Pillado.

O voceiro do BNG rematou destacando que “agardamos cordura e sentido común entre os grupos políticos, posto que confiamos en que a veciñanza vai responder ben nesta definitiva cita electoral”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here