InicioPolíticaA repetición das eleccións en Burela: preguntas e respostas

A repetición das eleccións en Burela: preguntas e respostas

A sentenza do TSXG que dá a razón a Burela Sempre abre un escenario insólito do que, con todo, hai algúns precedentes

Publicada o

- Advertisement -

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) abriu un escenario insólito ao ordenar a repetición das eleccións municipais nunha mesa do Perdouro en Burela.

Os maxistrados estimaron o recurso presentado por Burela Sempre, que pedía unha nova convocatoria ao extraviarse os seis votos nulos que figuran na acta de escrutinio trasladada á Xunta Electoral de Mondoñedo.

A resolución xudicial abre unha situación singular que, con todo, ten precedentes noutros puntos do Estado. Nas pasadas eleccións locais de 2015, repetíronse os comicios en catro localidades: Tébar (Cuenca), Dúrcal (Granada), Hurones (Burgos) e Llánaves de la Reina (León) que, iso si, non superaban os 100 habitantes.

Tampouco tiveron a transcendencia política dunha nova convocatoria en Burela, onde os resultados das eleccións parciais decidirán se o BNG mantén os seus tres concelleiros na corporación municipal ou se, pola contra, Burela Sempre consegue representación.

O Xornal da Mariña tenta resolver as preguntas máis comúns sobre o novo proceso electoral que haberá no municipio.

QUEN TEN QUE VOLVER VOTAR?

O TSXG ordenou a repetición da votación nunha das tres mesas que se instalan no IES Perdouro (Distrito 1 Sección 5 Mesa U) onde están censados 630 cidadáns das  rúas Arcadio Pardiñas, Burela do Cabo, Camiño Real, Campón, Canabal, Torrentes, Eijo Garay, Flores, Pascual Veiga e Zeppelin.

Dacordo coa doutrina da Junta Electoral Central, baseada nas Instrucións emitidas en casos de eleccións parciais por resolucións de nulidade, empregaríase o mesmo censo electoral que nos comicios do pasado 26 de maio.

o censo será idéntico, con 630 votantes. non poderán votar quenes cumprisen ou cumpran os 18 anos desde o pasado 26 de maio nin novos empadroados

Isto significa que nin aquelas persoas que cumprisen os 18 anos desde a celebración das pasadas eleccións locais nin quenes cumpran a maioría de idade antes da nova data, por concretar, terán dereito ao voto. Tampouco novos veciños de Burela que se empadroasen no municipio durante este período.

COMO SERÁ A COMPOSICIÓN DA MESA?

Os precedentes apuntan que as seccións, locais e mesas electorais serían tamén as mesmas que as marcadas para as eleccións que se celebraron hai un mes.

O principio que rexe as convocatorias para repetir o acto de votación prioriza manter as condicións nas que se celebraron os comicios que veñen subsanar.

a composición das mesas electorais tampouco variará. priorízase manter as condicións nas que se celebraron os comicios

PODERASE VOTAR POR CORREO?

O electorado poderá exercer o seu dereito de sufraxio coas mesmas garantías que en calquera convocatoria. Os censados que non poidan votar persoalmente poden emitir o seu voto por correo, previa solicitude á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.

QUEN CONVOCA AS ELECCIÓNS E COMO SE TRAMITAN?

O procedemento formal iníciase cun Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros que, a proposta do Ministerio de Interior, marca a data da nova convocatoria. O acordo publícase no Boletín Oficial do Estado (BOE) con 55 días de antelación á data fixada para a repetición das votacións.

CANDO SE FIXARÁ A DATA?

A sentenza do TSXG establece un prazo de tres meses para a repetición electoral, o que situaría o límite no 28 de setembro. Os citados requerimentos formais demorarían a nova convocatoria un mínimo de 55 días, o que adiaría a repetición ata setembro.

os requerimentos formais demorarían a nova convocatoria un mínimo de 55 días, o que adiaría a repetición ata setembro

HABERÁ DE NOVO CAMPAÑA?

Hai exemplos de instrucións e resolucións nas que se argumenta que só procede unha nova campaña cando o proceso electoral se repite integramente por non presentarse candidaturas.

Outros acordos da JEC apuntan que as campañas electorais se repetirán cos mesmos prazos e condicións que nunha votación ordinaria.

AFECTARÁ Á DEPUTACIÓN?

Segundo a Ley Orgánica del Régimen Electoral General (Loreg), a constitución das Deputacións “debe aprazarse ata que se resolvan os recursos contencioso-electorais interpostos contra a proclamacion de concelleiros electos nos municipios da provincia”.

A norma engade que “no caso de convocarse novas eleccións nalgún municipio da provincia, por non presentarse ningunha candidatura ou por anularse total ou parcialmente o proceso como consecuencia de recursos contenciosos-electorais, non se posporá a constitución da Deputación“.

A LOREG DI QUE “AS NOVAS ELECCIÓNS NON posporáN a constitución da deputación”, malia que mesmo desde san marcos expuxeron dúbidas

Engade que “se na celebración das eleccións parciais se altera a atribución de postos na Deputación Provincial, as Xuntas Electorais de Zona deberán realizar as operacións necesarias para facer unha nova asignación”.

Con todo, ante a singularidade do proceso que se abre, a Deputación de Lugo decidiu transladar á Xunta Electoral unha consulta sobre a celebración do seu pleno de constitución.

A entidade provincial argumenta as dúbidas en que, ao non estar constituída a corporación de Burela, ningún dos seus concelleiros poderían participar na votación ou postularse como candidatos.

CABE RECURSO CONTRA A RESOLUCIÓN DO TSXG?

A resolución concreta que a “sentenza é firme e que non caben contra ela recurso ordinario algún”. Si que podería presentarse un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...