A feira das razas autóctonas do Valadouro, Bras Rodrigo ou Chévere Teatro animan febreiro

A Festa da Árbore, un espectáculo de circo e unha saída ornitolóxica en Ribadeo son outras das propostas da fin de semana

Cabalo de pura raza galega. PURAGA

Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda de ocio da fin de semana.

BURELA

O venres, David Val continúa as presentacións do libro que escribiu sobre a súa viaxe en bicicleta arredor do mundo. O salón de conferencias da antiga biblioteca de Burela acollerá o acto, que comeza ás 19.30 horas.

O gaiteiro asturiano Bras Rodrigo actúa o sábado en Burela, no auditorio municipal desde as 21.00 horas. Participará no concerto a asociación de gaitas local Dambara e Isidro Vidal.

Tamén o sábado, a partir das 18.30 horas, o Pescados Rubén Burela FS defende o liderado da Segunda División en Vista Alegre. Farao diante do Bisontes Castellón, décimo clasificado.

Os xogadores do Burela FS celebran un gol en Xove. AXM

 

O domingo haberá un espectáculo para toda a familia, o Circo Fantasy Show. Será no auditorio e comezará ás 18.00 horas.

Tamén se celebrará o domingo a Marcha da Merluza de Burela, en homenaxe ao falecido Moncho de Cangas -presidente da peña ciclista local-, cun percorrido de 33 quilómetros.

CERVO

A parroquia de Rúa celebra a Festa da Candelaria, que contará coa presenza de Pili Pampín (o sábado, na verbena). Os festexos comezarán este venres, con La Bamba e Esencia animando o baile nocturno.

O sábado haberá misa, a partir das 13.30 horas, e sesión vermú. Pampín, Panamá e Disco Móbil Havana amenizarán a noite. O domingo haberá baile ao mediodía con Tribal.

O luns haberá unha conferencia sobre a prevención do cancro, a cargo de Carmen Rubiños, psicooncóloga da AECC. Será na casa da cultura, a partir das 18.30.

FOZ

A compañía Elefante Elegante presentará este sábado (18.30 horas, Sala Bahía de Foz) a peza ‘Patapatúm‘, que propón unha reflexión sobre o materialismo nas relacións entre pais e fillos. O prezo da entrada é de 2,5 euros para adultos e 1,5 para nenos.

LOURENZÁ

Pepe Peinó presenta este venres en Lourenzá (20.00 horas, consistorio) a súa novela ‘A fuxida‘. Actuará o vocalista local Jonathan Dasilva.

MONDOÑEDO

Mondoñedo celebrará este sábado unha tradición que conta con 450 anos de historia, a Festa da Árbore. Podes consultar o programa na seguinte imaxe.

Actividades na Festa da Árbore. AXM

Tamén o sábado, a partir das 19.30 horas no consistorio, Xurxo Lorenzo e Javi Fouz presentan o seu libro sobre a Cova do Rei Cintolo.

O VALADOURO

O Valadouro reúne este sábado as razas autóctonas galegas, nunha feira que repartirá 4.000 euros en premios e ofrecerá varias actividades paralelas.

RIBADEO

O Concello de Ribadeo celebra o sábado o Día Mundial dos Humidais cunha conferencia e unha saída ornitolóxica pola ría.

A compañía Chévere Teatro despide estes días a premiada obra ‘Eroski Paraíso‘. Recreará a peza no auditorio municipal ribadense este domingo, a partir das 20.00 horas.

O Fumarel inicia as xornadas do cocido da Montaña. Reservan no 639.156.738 ou no 982.130.225.

VIVEIRO

Ugía Pedreira ofrece o sábado (11.30 horas, teatro Pastor Díaz) un obradoiro de arrolos para acolar.

A Asemblea Galegas 8M convoca unha xuntanza aberta en Viveiro, tamén o sábado, para organizar as mobilizacións feministas de marzo na Mariña Lucense.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here