Primeiro título europeo para o Pescados Rubén FSF, a Four Nations Cup Winner’s

O equipo burelao bateu ao anfitrión, o Milano (3-8), e obtivo o título disputado entre os gañadores das Copas de Italia, Rusia, Ucraína e España

As campioas. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF proclamouse campión da Four Nations Women’s Cup Winner’s de Milán despois de gañar con claridade (3-8) ao anfitrión, o Kick Off C5 Milano. A competición enfrontaba na cidade transalpina aos gañadores da Copa de España, Italia, Rusia e Ucraína.

Despois do seu triunfo ante o Lagoa Uor, que perdeu a terceira praza do torneo fronte ao BudStar ucraíno (4-7), o conxunto que adestra Julio Delgado afrontaba un reto meirande ante o cadro local.

O Burela FSF adiantouse axiña, grazas aos tantos de Ale de Paz e Jenny Lores. O 0-2 que mostraba o electrónico no minuto 6 non desanimou ao cadro italiano, que no ecuador do primeiro tempo reduciu diferenzas no marcador por medio de Debora e empatou cunha falta de Arianna. Co 2-2, o Pescados Rubén optou polo xogo de cinco. A falta de 27 segundos para o descanso, Jenny Santos anotou o 2-3.


A segunda metade deixou máis clara a diferenza entre os dous equipos. O equipo da Mariña Lucense despegou con tantos de Arianna, na súa propia portería, Jane e Peque. Debora anotou o 3-6 e Jenny Lores, de novo, e Lara Balseiro completaron o 3-8 definitivo.

ÁS PORTAS DA SUPERCOPA

Despois dun novo título, o primeiro oficial a nivel europeo, quedan cinco días para o próximo obxectivo das mariñás. O venres, ás 21.00 horas, as vixentes campioas da Copa Raíña pelexarán pola Supercopa de España fronte ao campión da Liga Foro 16 Feminismo, Futsi Atlético Navalcarnero, en Las Rozas. A presentación da cita terá lugar o martes, día 3, ás 17.30 horas, na sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here