InicioEconomía"Sen investimentos, San Cibrao vai polo mesmo camiño que Avilés e A...

“Sen investimentos, San Cibrao vai polo mesmo camiño que Avilés e A Coruña”

CC OO lembra que a planta cervense de Alcoa "non ten futuro" se non se moderniza e esixe un pacto de Estado para abaratar a enerxía á industria electrointensiva

Publicada o

- Advertisement -

Comisións Obreiras (CC OO) alertou este mércores da posibilidade de que se produza “un drama social” na Mariña Lucense se non se aproba o estatuto para a industria electrointensiva anunciado polo Goberno socialista, dado que, asegura o sindicato, o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao só pasa por “un marco enerxético estable”.

Representantes da central celebraron unha rolda de prensa en Viveiro á que asistiron delegados sindicais das plantas de Avilés e da Coruña, nas que se paralizaron as series de electrolise semanas atrás e que seguen á espera dun comprador para garantir a súa pervivencia, logo de que Alcoa presentase un Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

Segundo expuxo o sindicato, o porvir da fábrica cervense da multinacional do aluminio non é máis alentador a medio prazo se non se regula a tarifa eléctrica dos grandes consumidores de enerxía. Alcoa cifra nun 40% o peso da electricidade no total dos gastos de produción.

Á ESPERA DO GOBERNO

A central presiona ao Goberno socialista, que anunciou a tramitación de urxencia da figura legal, pero aínda non presentou resultados. “Tiñamos un compromiso de que os sindicatos teriamos este luns o borrador do proxecto tras facer as nosas achegas, pero non sabemos nada”, lamenta José Antonio Zan, representante de CC OO no complexo industrial cervense.

Ante a incerteza das eleccións xerais, que poderían modificar o escenario, CC OO reclama “un pacto de Estado” no tocante á enerxía que pase por “contratos bilaterais entre as empresas e as eléctricas”.

“OBSOLESCENCIA PROGRAMADA”

A sombra da falta de investimentos en San Cibrao planea sobre a factoría desde hai anos. Os traballadores ven na evolución da fábrica un calco do que aconteceu nas factorías da Grela e San Balandrán.

En Avilés e A Coruña houbo unha obsolescencia programada. Deixouse de investir e logo argumentouse que as fábricas non eran modernas para pechalas. San Cibrao vai camiño do mesmo”, explica Zan.

Quen vai investir sen un marco eléctrico estable?”, pregúntase o sindicalista, que enumera as deficiencias da factoría sancibrense. “Temos transformadores con máis de 38 anos, cando o límite desexable de duración é 35; a nosa fábrica devalúase a un ritmo dun 5% por ano”, indica Zan.

INSTAN Á XUNTA A PRESIONAR Á EMPRESA

CC OO non apremia só ao Goberno para acadar un marco regulatorio, senón que esixe un posicionamento da Xunta de Galicia. O sindicato acusa ao Goberno galego de “mirar para outro lado” cando “está en xogo o futuro da industria electrointensiva galega”.

Neste sentido, desde a central precisan que o “70%” das empresas do Estado desta tipoloxía ubícanse en Galicia, segundo expuxo Víctor Ledo, secretario de Industria de CC OO a nivel autonómico.

CC OO insta ao Goberno galego a que esixa investimentos e a modernización da fábrica, dado que financiou obras como o gasoducto Ribadeo-San Cibrao para beneficio da fábrica.

Producimos con fuel pesado, cando se podería utilizar o gas. É incrible que unha administración faga desembolsos sen ter a cambio un compromiso das empresas. Iso é capitalizar aos accionistas. A Xunta ten que moverse porque se garanta o futuro da industria”, expón Zan.

PERDAS

Asistiron á cita o presidente do comité de Alcoa en Avilés e secretario de intercentros, José Manuel de la Uz, e o representante do sindicato na fábrica coruñesa Miguel Conde. De la Uz insistiu na “preocupación” de que Alcoa asigne a San Cibrao “perdas cuantiosas”, aínda que son cifras que o sindicato pon en tela de xuízo.

HOMENAXE A ROEL

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, agradeceu ao sindicato que premiase co galardón 10 de marzo a figura do ex rexedor viveirense Melchor Roel, falecido no 2013.

Presentación do premio, na rúa 10 de marzo viveirense. AXM

“É unha fonda alegría”, asegurou Loureiro, que “se recoñeza o seu compromiso social e político, unha constante que guiou a súa traxectoria profesional e a súa gran labor tanto como sindicalista, vinculado a CC OO, como na súa faceta política, vencellado primeiramente ao Partido Comunista e despois ao PSOE“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...