Traballadores de San Cibrao pedirán en Madrid medidas para a continuidade de Alcoa

Os empregados da planta sancibrense sumaranse á manifestación convocada para este xoves polos compañeiros das factorías de Avilés e A Coruña, en proceso de peche

Traballadores de Alcoa San Cibrao, nunha protesta. AXM

Uns 150 traballadores da maior planta de Alcoa en España, a de San Cibrao, sumaranse este xoves en Madrid ás protestas dos seus compañeiros das fábricas en proceso de peche da Coruña e Avilés, e tamén ante a situación de “risco” -en palabras da dirección da multinacional- que vive a factoría de aluminio sancibrense despois de que o Goberno central publicase un estatuto do consumidor electrointensivo que non satisfai á empresa.

A concentración celebrarase de 11.00 a 13.30 horas na estrada de San Xerónimo, ante o Congreso dos Deputados. Fletados por CC OO, UXT e CSIF, dous autobuses partirán de madrugada cara a protesta, para esixir solucións ao posible peche das plantas e á situación de incerteza que vive a planta de aluminio de Cervo.

SOMBRAS SOBRE A CONTINUIDADE EN SAN CIBRAO

A multinacional estadounidense alertou ao Goberno de que se non adopta máis medidas que as contempladas no borrador inicial do estatuto do consumidor electrointensivo, poderían perigar os 600 empregos da planta de aluminio.

O complexo industrial de San Cibrao ofrece traballo a 1.300 persoas e a outras 600 de empresas auxiliares, o que significa máis do dobre que as centrais de Avilés e A Coruña xuntas.

Por este motivo, os traballadores de San Cibrao decidiron incorporarse ao calendario de mobilizacións previstas -tanto no polígono coruñés de Sabón como no Congreso-.

“O MESMO PROBLEMA, A MESMA SOLUCIÓN”

Segundo explica o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo (CIG), diante desta dobre convocatoria e dado que non está previsto que os traballadores de San Cibrao sexan recibidos por representantes dos partidos en Madrid, como si acontecerá cos obreiros de Avilés e A Coruña, o organismo de representación do persoal non acudirá como tal a ningunha das protestas.

As tres plantas temos o mesmo problema e pedimos unha mesma solución”, explica José Antonio Zan, delegado de CC OO no comité sancibrense. “Por iso iremos a Madrid para facer forza cos nosos compañeiros, que poderían estar na rúa en xuño”, indica.

O problema é o alto prezo da electricidade, unha enerxía da que a produción de aluminio -supón o 40% dos custos de produción– é altamente dependente. A solución, o establecemento “dun marco estable” para os grandes consumidores de enerxía eléctrica, “similar ao doutros países como Francia ou Alemaña”.

ALEGACIÓNS AO ESTATUTO

Logo de que partidos e institucións -BNG, En Marea e Xunta, esta última da man dos empresarios- presentaran alegacións ao borrador do estatuto da industria electrointensiva, os sindicatos presentaron as súas reclamacións ao documento.

CC OO pide, expón Zan, que se concrete “unha compensación fixa polos custos indirectos de dióxido de carbono (CO2) que sexa do máximo permitido pola Unión Europea, un 20%”. Así, afirma o sindicalista, “evitaríase a incerteza de ter que agardar cada ano á aprobación dos Presupostos Xerais do Estado (PXE)”.

Tamén esixe o recoñecemento das empresas hiperelectrointensivas, eliminación da supresión dos peaxes de transporte e distribución, a implicación do Goberno do Estado para asegurar contratos bilaterais (PPA) atractivos para proveedores e consumidores, e o requerimento de investimentos ás empresas beneficiarias do estatuto, que o sindicato entende que é a mellor garantía da continuidade da industria e do emprego.

Paleo explica que as reclamacións da CIG ao documento son “basicamente as mesas” que realizou a patronal, pero fai fincapé neste último apartado, na esixencia de que se garanta o mantemento do emprego e de que se estableza un plan de investimentos para asegurar o futuro da instalación.

Tanto a empresa como os sindicatos están de acordo en que hai que reducir o prezo da enerxía sobre a que se sustenta a produción de Alcoa, xa que co actual están, no mercado global, “coa cabeza debaixo da auga”, sinala Paleo.

DIFERENCIAL DE PREZOS

O estatuto tivo unha tibia recepción por parte das empresas electrointensivas, que coincidiron en denunciar que o texto “xera máis incerteza que esperanza”. Entre as medidas previstas no mesmo está a bonificación do 85% do imposto especial de electricidade ou os descontos nos peaxes de acceso ao subministro.

Alcoa deixou claro que a proposta actual “non reducirá o diferencial de prezos existente respecto a outros países competidores”, polo que “non achega a solución que a industria do aluminio primaria en España necesita para a súa sostenibilidade”.

O sector bota en falta maiores descontos fiscais, cuxa ausencia o Goberno xustifica no “escasa marxe de manobra” derivada da proximidade das eleccións xerais.

INDUSTRIA “ESTUDARÁ” AS ALEGACIÓNS

A ministra de Industria, Reyes Maroto, mostrouse disposta este mércores a estudar e mesmo asumir algunhas das recomendacións formuladas pola Xunta de Galicia, como a da compensación por CO2.

O luns haberá unha nova xuntanza do Ministerio para desenvolver o estatuto, á espera de que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) emita o seu informe relativo aos descontos a aplicar sobre as peaxes de acceso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here