InicioEconomíaSan Cibrao leva 200 MW da poxa de interrompibilidade, 40 menos ca...

San Cibrao leva 200 MW da poxa de interrompibilidade, 40 menos ca na anterior e a peores prezos

Alcoa prevé un maior gasto en enerxía tras quitar cinco bloques de 40 MW nunha subasta na que o prezo medio dos paquetes meirandes baixou 8.500 euros por MW e ano

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa fai unha lectura “negativa” da subasta de interrompibilidade celebrada ao longo desta semana en Madrid, na que obtivo un total de cinco bloques de 40 MW (200 MW) para o complexo industrial de San Cibraoun menos dos acadados o pasado mes de decembro na poxa para o primeiro semestre deste ano.

Daquela, a multinacional, á que o Goberno central concedera a posibilidade de concursar tamén polas fábricas de Avilés e A Coruña, en proceso de peche de non atoparen comprador antes do 30 de xuño, conseguira dez (400 MW) dos 21 bloques de 40 MW en xogo, que repartiu entre San Cibrao -seis paquetes- e as factorías coruñesa e avilesina -dous para cada unha-.

Segundo publicou daquela Cinco Días, Alcoa pugnou en decembro de 2018 por nove bloques para San Cibrao. Aínda que fontes da multinacional non desvelan a cantidade de paquetes aos que optou, a cifra puido ser similar nesta subasta, na que se ofertaron cinco produtos menos, un total de 16, en parte pola retirada do concurso das fábricas da Grela e San Balandrán.

Á redución do número de bloques engádese a caída dos prezos dos produtos. Se na subasta de decembro de 2018 o custo medio dos paquetes de 40 MW foi de 105.429 euros por MW e ano, na poxa pechada este mércores o promedio foi de 96.925 euros/MW e ano.

“MALAS” CONDICIÓNS DE PARTIDA

As condicións de partida poxa, con prezos de saída baixos -150.000 euros para os paquetes de 40 MW- e menos bloques, non beneficiaban ao complexo de San Cibrao, especialmente á fábrica de aluminio, altamente dependente da enerxía eléctrica -segundo a multinacional, a electricidade supón o 40% dos seus custos de produción-.

“Fomos á subasta polo maior número de bloques posible pero acadamos un menos ca na anterior poxa”, confirman fontes da empresa, que sinalan que dado o menor prezo do MW por ano “temos un valor significativamente inferior ao do concurso para o primeiro semestre deste ano”.

Daquela, segundo a información de Cinco Días, Alcoa obtivo un incentivo eléctrico de 21 millóns polos dez bloques acadados.

A CONTÍA DESTINADA CAEU NUN 40%

A interrompibilidade trátase dun sistema de subastas que permite que as empresas que máis electricidade consomen reciban unha retribución a cambio da súa dispoñibilidade para desconectarse da rede en casos de emerxencia para o subministro. Nesta poxa participaron 123 compañías.

Os 340 bloques de cinco MW vendéronse a un prezo medio de 75.307 euros/MW ano. Así, o importe destinado á interrumpibilidade caeu nos últimos anos.

Sumando os 101,15 millóns subastados para o primeiro semestre do ano, a contía no 2019 ascende a un total de 196,15 millóns, a cifra máis baixa desde o inicio do sistema de poxas, no 2013. No 2018 foi de 316 millóns, un 40% máis.

“O GOBERNO TEN QUE ATALLAR ESTA SITUACIÓN”

As mesmas fontes sinalan que Alcoa “analizará os resultados e o impacto nas operacións”. Segundo a multinacional, o resultado da poxa reforza a súa demanda de medidas para rebaixar o prezo da luz a fin de que a industria do aluminio primario, cuxa única fábrica española é a de San Cibrao, sexa “viable”.

“O Goberno central ten que atallar esta situación”, salienta a multinacional, que insiste en que a electricidade “custa un 50% máis” á fábrica de Cervo “cás doutros países competidores“.

“SEN NOVAS” DO ESTATUTO E AS COMPENSACIÓNS POR CO2

Alcoa lembra que “non hai novidades” sobre o estatuto do consumidor electrointensivo, comprometido polo Executivo socialista desde o pasado ano. O documento viría a satisfacer a reclamación por parte das empresas que consomen alta cantidade de electricidade de compensacións para aliviar a tarifa da luz.

Outra das demandas da multinacional é que se tramite o aumento da contía -de 91 a 200 millóns de euros- das compensacións polas emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2), un incremento tamén anunciado polo Ministerio de Industria. Segundo Alcoa, a actual cuantía “é claramente insuficiente para a industria electrointensiva”.

O COMITÉ: “O CUSTO DA ENERXÍA SERÁ MAIOR”

“O resultado da poxa de interrompibilidade foi peor que o anterior e a previsión do custo da enerxía para o segundo semestre do 2019 é peor que a do primeiro”, resume o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG).

O sindicalista afirma que ten “os motivos claros”. O comité atribúe “ao recorte do orzamento” destinado á interrompibilidade e á “dependencia” do sector do aluminio da electricidade, que “nos fai asistir á poxa en inferioridade de condicións“, explica.

“SOMOS QUEN MÁIS NECESITA PREMER O BOTÓN”

“Estaba claro que, con menos bloques, quen ía quedar sen un seriamos nós”, razoa Paleo. “Somos quen máis necesidade temos de premer o botón e non podemos tirar os prezos”, sinala.

Así, os traballadores reclaman a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, que equipare o gasto en electricidade “ao de países como Francia ou Alemaña. O Goberno está a facer as cousas ao revés; se se retrasa o aprobar o documento, polo menos debería garantir unhas condicións da subasta da interrompibilidade mellores ou polo menos iguais”, expón Paleo.

Así, o presidente do comité de empresa teme “afogar na beira” e que a multinacional tome algunha medida contra o emprego antes de que se aprobe o estatuto. “É urxente e imprescindible, se o goberno quere garantir os traballos”, afirma, para lembrar ao Executivo que o documento debe recoller “as obrigas das empresas” no tocante aos investimentos e aos postos de traballo.

ELECCIÓNS SINDICAIS

Os traballadores do complexo industrial de San Cibrao están chamados a elixir o novo comité entre os días 14 e 18 de outubro.

A sección sindical de Comisións Obreiras (CC OO) decidiu abrir un período até agosto para que os afiliados e simpatizantes que desexen formar parte das listas electorais se inscriban. Poden facelo no local sindical, a través do teléfono da sección (extensión 1493) ou do correo electrónico ccoosanciprian@gmail.com.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...