(AMPLIACIÓN) O PP insta ao Goberno a “cambiar de actitude” con Alcoa

O comité convida á ministra de Industria a visitar San Cibrao e cre que a redución da produción "é o seguinte paso" dun posible "peche" da planta

Reyes Maroto. EFE

O comité de empresa anunciou a través dun comunicado que considera que o anuncio de Alcoa de parar 32 cubas das 512 -un tramo de 16- que teñen as series de electrolise da planta de aluminio de San Cibrao, “é o seguinte paso no camiño dun posible apagado e cese de produción na planta”. Deste xeito, solicita unha reunión urxente coa Ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, para explicarlle a situación e pedirlle un estatuto do consumidor electrointensivo que o Goberno central comprometeu e que a multinacional reclama para non deslocalizar a produción.

Sumada á redución de intensidade do 5% na fábrica de aluminio iniciada no pasado mes de xullo, o novo recorte anunciado por Alcoa supón rebaixar a carga de traballo nun total do 11,25%. Así, desde o comité sinalan que se ven “reflectidos no acontecido coas fábricas da Coruña e Avilés, que malia ser vendidas a Parter actualmente manteñen pechadas as súas electrólises adicándose só á refusión de aluminio”.

DENUNCIAN A “IRRESPONSABILIDADE” DOS PARTIDOS

Os traballadores insisten en que “a causa raíz” da situación de Alcoa San Cibrao “é o elevado prezo da electricidade” e a aprobación dun estatuto “que debe igualar o prezo da enerxía cos países da nosa contorna. Tamén todos sabemos que para que isto se dea ten que haber un Goberno constituído”, lembran.

Así, cualifican de “irresponsabilidade” que tres meses despois das últimas eleccións xerais “non exista un Executivo”, polo que insta aos partidos a facilitar a súa constitución. “A súa ausencia pode levar ao peche de industrias básicas que son, en definitiva, o motor e garante de riqueza de calquera país desenvolvido”.

A MARIÑA, DEPENDENTE

Os obreiros convidan así a Maroto a unha entrevista “que sería positivo que se realizase en San Cibrao, coñecendo a factoría”. Deste xeito, a ministra “podería ver de primeira mao as instalacións e tamén a comarca da Mariña Lucense“. Os empregados cren que a visita “podería dar tranquilidade a Alcoa e por ende aos traballadores e á comarca”.

Os sindicatos cren que “é a mellor maneira” de que o Executivo comprendese “a dependencia que ten a zona de esta industria” e de “transmitirlle a importancia de sacar a diante o estatuto de enerxía canto antes”.

O PECHE, “UNHA CATÁSTROFE”

O comité sinala que, a diferenza destas das fábricas da Coruña e Avilés, “a dependencia que mantén a comarca da Mariña Lucense con esta industria é case exclusiva, dando traballo a case catro veces máis traballadores, polo que o seu posible peche suporía unha auténtica catástrofe para as case 80.000 persoas que viven na bisbarra”.

O PP PROVINCIAL CHAMA “Á MOBILIZACIÓN”

O deputado do Partido Popular (PP), Javier Castiñeira, respaldou a petición do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e desde o grupo provincial conservador chamou á veciñanza “a mobilizarse ante a incerteza do futuro da industria electrointensiva que se deriva das políticas do PSOE“.

Castiñeira apelou directamente “aos sindicatos” que apoien os actos reivindicativos “independentemente da cor política do Goberno do Estado, como fixeron noutras ocasións”.

O deputado popular asegurou que “as estratexias en materia enerxética” do Executivo socialista “son contrarias aos intereses da factoría da Mariña Lucense, e por tanto da veciñanza da comarca”. Así, insta ao Goberno a “cambiar de actitude con respecto a esta empresa, a máis importante da bisbarra”, e a “traballar para garantir a súa competitividade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here