Maroto promete o estatuto das electrointensivas en canto haxa Goberno e Alcoa veo “insuficiente”

Feijóo esixe que se recoñeza á alumineira coa figura do consumidor hiperelectrointensivo, mentres que a multinacional reclama "medidas adicionais urxentes"

Visita de Feijóo e Maroto, no centro, á planta de San Cibrao, entre outros cargos, acompañados do presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. EFE/ELISEO TRIGO

A ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, asegurou este martes no complexo industrial de Alcoa en San Cibrao que o Goberno de Pedro Sánchez ten o “compromiso” de aprobar o estatuto para a industria electrointensiva “nada máis se conforme” o Executivo que saia das eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro.

“Comprometémonos a aprobar o estatuto das electrointensivas nada máis se conforme o Goberno, polo que esperamos contar coa confianza dos españois” nos comicios do próximo mes, remarcou Maroto nunha comparecencia ante a prensa tras participar xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entre outros representantes dos Executivos centrais e autonómico, ademais dos alcaldes de Xove e Cervo, nunha visita ao complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, que inclúe a única planta da multinacional de aluminio primario operativa en España.

Esta factoría, segundo explicou o presidente da multinacional, pasa por unha situación “comprometida” ante o elevado custe da enerxía eléctrica, que supón o 40% dos custos de produción da mesma. A multinacional parou en agosto 32 das 512 cubas de electrolise e reduciu a intensidade produtiva nun 11%. O comité de empresa ve esta medida como “o primeiro paso” para recortar no emprego, e a empresa comprometeuse cos sindicatos a non executar despedimentos antes da formación do novo Executivo, pero non así en diante.

Para os obreiros, trátase “dun primeiro paso” cara recortes no emprego. A empresa asegurou que non haberá despedimentos ata formación dun novo Executivo.

AS AXUDAS POR EMISIÓNS DE CO2 PAGARANSE “ESTE ANO”

Neste sentido, Maroto reiterou así mesmo o compromiso do Executivo con outros “instrumentos” que alivien a Alcoa o prezo da enerxía, como “as subastas de interrompibilidade” e o feito de atender a petición “do máximo permitido no tocante as compensacións por emisións indirectas de CO2“.

Maroto asegurou que o Consello de Ministros aprobará a vindeira semana a ampliación de crédito para pagar os 180 millóns de euros solicitados polas empresas correspondentes ás compensacións por emisións indirectas de CO2, axudas que segundo comprometeu ante os traballadores pagaranse “antes de final de ano”.

PRÓRROGA DA POXA DE INTERROMPIBILIDADE

A ministra de Industria sostivo tamén que o Executivo prepara “unha nova poxa de interrompibilidade” adaptada aos requisitos fixados pola Unión Europea. Así, prometeu unhas condicións da subasta idénticas á do segundo semestre de 2019.

CRE QUE SAN CIBRAO TEN “PRESENTE E FUTURO”

A ministra de Industria fixo fincapé no “traballo realizado” polo Goberno de Pedro Sánchez, que durante “quince meses puxo na axenda” a necesidade dun “marco estable” para a industria electrointensiva, que “non se puido levar a cabo”, precisou Maroto, debido ao adianto electoral que no seu momento derivou nas eleccións do 28 de abril e ao posterior “bloqueo político“.

“Esta é unha planta lonxeva que creou riqueza e emprego”, asegurou Maroto, que cualificou o complexo industrial sancibrense de “singular” que A Mariña Lucensenecesita“. A ministra de Industria fixo un chamamento á paciencia ao remarcar que “estamos a traballar no desenvolvemento dun marco estable” e reclamou “colaboración público-privada” entre Alcoa e o Executivo para levalo a cabo. Así, amosouse convencida de que a planta “ten presente e ten futuro“.

FEIJÓO ESIXE COÑECER “O ALCANCE” DO DOCUMENTO

Na súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, esixiu coñecer o “alcance” do estatuto para a industria electrointensiva, que ao seu xuízo debe incluír a figura das empresas “hiperelectrointensivas“, como é Alcoa, para que estas poidan ser competitivas.

“É unha boa nova que esteamos aquí pero está claro que os traballadores agardan que se traduza en medidas concretas e nunha estabilidade e polas solucións seremos xulgados“, aseverou o presidente da Xunta, para concluír que “é evidente que temos que coñecer o estatuto para poder mandar unha mensaxe de tranquilidade aos obreiros e á sociedade”, apuntou Núñez Feijóo.

“Non lles oculto que estamos preocupados“, admitiu o presidente autonómico que, en todo caso, asegurou que, na cuestión enerxética, o Executivo galego dará o seu respaldo ao próximo Goberno central que saia das urnas “con independencia de quen sexa, quen veña ou quen se manteña“, sostivo.

Feijóo remarcou que o obxectivo é acadar un prezo da enerxía de “35 megavatios por hora (MWh), similar ao do período 2013-2017, mentres que na actualidade está en 50 MWh“, a fin de manter unha plantas que é “medular” para o aluminio español e “chave” para a industria de Galicia, “a comunidade con máis fábricas de transformación do aluminio: Cortizo, Exlabesa e Estrugasa son grandes clientes de Alcoa”, enumerou.

O presidente da Xunta afirmou que “nin Alcoa nin os traballadores nin a Xunta están en funcións” e que sen acadar ese prezo da enerxía, advertiu, “seguirá habendo tensións“.

ALCOA: A SITUACIÓN DE ALUMINIO É “GRAVE”

Pola súa banda, o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, cualificou de “comprometida” e mesmo de “grave” a situación da planta de aluminio, que “non pode manterse ante un custos de enerxía tan altos” como na actualidade. Así, asegurou que o prezo da electricidade para a fábrica de San Cibrao é “entre un 40 e un 60% máis” ca o dos seus competidores en Europa.

“Precisamos custos competitivos e certeza no marco enerxético”, asegurou Dorado, que cualificou o estatuto da industria electrointensiva como “unha pequena sinal positiva“, pero que será “absolutamente insuficiente” se non contén “as medidas necesarias“, que tampouco concretou. Como insuficiente “estamos a percibir” o documento, sostivo o responsable de Alcoa España.

Dorado asegurou que “o noso compromiso coa rexión e coa comunidade da Mariña Lucense é sólido, histórico e estable”, afirmou Dorado, que resaltou que a fábrica dá emprego de xeito directo a arredor de 2.000 persoas e supón o 32% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo. Con todo, concluíu, “non queremos alarmar“, pero “requerimos con urxencia medidas adicionais” para “seguir xerando emprego de calidade“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here