O comité reclama a Pedro Sánchez que faga de “interlocutor” con Alcoa

Os sindicatos esixen a intervención ou a mediación do responsable do Goberno central, dado que a ausencia da multinacional na reunión convocada onte "inhabilita" á ministra de Industria

Os delegados sindicais da comisión negociadora, agardando por Alcoa. CEDIDA

EFE. O presidente do comité de empresa da fábrica que a multinacional Alcoa posúe na localidade lucense de San Cibrao, José Antonio Zan, solicitou este xoves a intervención do “presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ou dalgún dos seus vicepresidentes” para “que faga de interlocutor” coa dirección da compañía en España.

Desde o comité aseguraron que Alcoa “inhabilitou” á ministra de Industria, Reyes Maroto, ao non comparecer na reunión telemática entre administracións, empresas e sindicatos celebrada onte á noite.

Zan fixo estas declaracións aos medios de comunicación minutos antes do reinicio da negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) da planta de aluminio, que se ía retomar ás 10.00 horas deste xoves.

Antes, representantes de Alcoa España e do comité de empresa estiveron reunidos durante 30 horas -desde a mañá do martes ata o mediodía do mércores-, sen chegar a acordo algún.

A ACTITUDE DA EMPRESA “PON EN DÚBIDA O ESTADO DE DEREITO”, ASEGURAN O COMITÉ

“Temos un acta da dirección da empresa que imos asinar con desacordo. Desde o martes tiñamos 15 días (o prazo máximo de comunicación á autoridade laboral do resultado do período de consultas), e agora soamente quédannos 13 para tomar unha decisión“, lamentou o presidente do comité de empresa.

Por este motivo, pediu ás “autoridades” que durante este tempo busquen “unha solución, ben sexa pactada ou unha intervención. Xamais en España se deu unha situación deste tipo, que está poñendo en dúbida o Estado de dereito e a democracia en si”, aseverou.

O presidente do comité cualificou a Alcoa como “unha multinacional que non se avén a nada, e iso que ten unha fábrica regalada polo Goberno fai 22 anos. Propoñemos dúas solucións: ou alguén por riba da ministra senta a falar como interlocutor válido e chega a un acordo, ou queda a intervención”, indicou Zan.

“Hai ministros e vicepresidentes aos que se lles encheu a boca coa intervención ou a nacionalización; agora hai que ver se temos un Goberno ou que temos”, sentenciou.

“A ALCOA SÓ LLE VALE A PARADA DE CUBAS E ERTE OU ERE”

Con respecto ao acta redactada pola dirección da empresa, sinalou que “os traballadores presentaron unha oferta e eles levantáronse da mesa, do mesmo xeito que onte non se quixeron sentar coa ministra”. A proposta dos sindicatos consistía en “seis semanas máis de prórroga para volver ao último día de negociación”.

“Se non fructificaba todo isto e non saía adiante, teriamos unha reunión todas as semanas na mesa multilateral”, puntualizou Zan. Pero, segundo indicaron desde o comité, “a Alcoa non lle valeu nada de todo isto, porque a súa intención é asinar a parada das cubas, o ERE ou o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte)“.

Zan recordou que desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia tamén lles solicitaron, sen éxito, aos directivos de Alcoa España “que anulen todo e vexan se ten unha solución en seis semanas”.

OS DIRECTIVOS DA EMPRESA DAN VOLTA AO SER RECIBIDOS CON OVOS POR UNHA CONCENTRACIÓN DE OBREIROS

Comité de empresa de Alcoa San Cibrao e os representantes sindicais da comisión negociadora do ERE presentado pola multinacional na planta de aluminio agardaban ao peche desta peza pola dirección da compañía e os seus asesores. A cita estaba programada para as 10.00 horas, pero os delegados da patronal no período de consultas deron volta ao chegar a sé do encontro e atoparse unha concentración con decenas de obreiros, que saíron ao paso e lanzaron ovos ás furgonetas nas que se desprazaban.

Sindicatos e Alcoa retoman hoxe as conversas do ERE, que de facerse efectivo suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría e as contratistas, despois de que os traballadores pediran un receso dun día para analizar a acta de desacordo entregada pola empresa.

A multinacional frustrou coa súa ausencia a reunión de urxencia convocada polo Goberno central xunto a centrais sindicais, Xunta de Galicia e Liberty House, e as Administracións non ofreceron ningunha novidade á finalización da xuntanza, de xeito que o proceso comezará onde se suspendera. A compañía insistira na parada de cubas, que os obreiros rexeitan ao entender que invalidaría unha venda das instalacións a un proxecto produtivo como o da metalúrxica británica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here