Goberno, Xunta e sindicatos prometen “traballar desde a unidade” para “facer efectiva unha venda”

Administracións e centrais emiten un comunicado conxunto de "apoio" ao comité, que con escasa marxe de manobra retomará mañá con Alcoa o período de consultas do ERE

Traballadores de Alcoa que se desprazaron a Lugo para apoiar aos compañeiros do comité durante o período de consultas do ERE. ELISEO TRIGO/EFE

O Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia e os sindicatos CC OO, UGT e CIG emitiron un comunicado conxunto despois da celebración da xuntanza deste mércores, na que o Goberno central convocou ás partes implicadas para tentar acadar unha solución ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa na planta de aluminio de San Cibrao, unha videoconferencia á que a titular do complexo industrial non se presentou.

“De forma conxunta”, Administracións e centrais sindicais explicitan o seu “apoio” ao comité de empresa e o seu “compromiso” de seguir traballando “desde a unidade” para “acadar” que o proceso de compra-venda da planta de Alcoa San Cibrao “teña as certezas necesarias para que a mencionada operación sexa efectiva”.

“Todas as partes entenden que esta é a mellor maneira de garantir tanto o mantemento da actividade industrial como dos postos de traballo na comarca da Mariña“, finaliza a nota.

O comunicado semella descartar unha intervención da planta que os traballadores reclamaban ao Executivo estatal para frear a intención de Alcoa de parar as cubas de electrólise e garantir un proceso de venda a un comprador produtivo, como Liberty House/GFG Alliance. Tampouco se menciona unha posible impugnación do proceso, coa que ameazou o Goberno autonómico.

Así, os sindicatos e Alcoa retomarán mañá en Lugo o período de consultas do despedimento colectivo, que suporía máis de 900 despedimentos entre traballadores da planta e de empresas auxiliares. Os delegados sindicais pediran un receso dun día para avaliar a acta de desacordo presentada pola empresa, o que permitiu dar pé a unha nova xuntanza entre todas as partes, finalmente frustrada pola propietaria. Deste xeito, afrontarán as horas finais do prazo con escasa marxe de manobra.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here