Os obreiros das auxiliares de Alcoa reactivarán a folga indefinida a partir do mércores

Os traballadores ven "necesario" o paro ante "unha semana crucial" para o futuro da planta de Aluminio "e tamén da comarca da Mariña"

Protesta polo futuro de Alcoa en Viveiro, coa pancarta das empresas auxiliares. CIG

O persoal das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao decidiu activar a folga indefinida convocada desde o pasado 21 de xullo, segundo informou a plataforma que coordina a representación sindical nas contratistas a través dun comunicado de prensa. A decisión tomouse nunha asemblea celebrada esta tarde.

A activación da folga será efectiva dende o mércores 23 de setembro, ás 06.00 horas. A plataforma solicita “o apoio dos traballadores das empresas auxiliares e que secunden dita convocatoria, así como solicitamos tamén o dos compañeiros de Alcoa e da sociedade da Mariña, en todo o que estea na súa man”, remarca o colectivo.

O mércores haberá piquetes nas entradas da factoría e realizaranse accións de corte de entrada e saída de materiais e protesta.

“Vemos oportuno e necesario a activación de dita folga na semana crucial para o futuro da factoría e da comarca”, argumentan os sindicatos, que salientan que “os obreiros das empresas auxiliares somos traballadores directos da factoría e imos loitar polo noso futuro ata o último momento do conflicto coas mesmas premisas que os compañeiros do comité de Alcoa”.

Coas premisas de “as cubas non se paran” e “despidos non”, o comité das auxiliares asegura que o proceso produtivo “non se verá afectado por dita folga e para nada correrán risco as cubas da factoría”.

ÚLTIMOS DÍAS PARA UN ACORDO DE VENDA

Alcoa e a siderúrxica británica Liberty House afrontan os últimos días do prazo marcado para chegar a un acordo de venda da planta de aluminio. De non concretarse unha venda como moi tarde o domingo 27 de setembro, a titular das instalacións e os sindicatos retomarían o día 28 o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola propietaria.

A multinacional estadounidense insistiu en acusar á potencial compradora de frear o proceso, mentres que os sindicatos -comité, CC OO, CIG e UGT- coincidiron en atribuír a Alcoa “mala fe” nas negociacións. A Xunta de Galicia urxiu tamén á propietaria a axilizar o proceso de venda, e o Goberno central ofreceu unha mediación que foi rexeitada pola titular das instalacións.

O DOMINGO, ANDAINA EN XOVE

Por outro lado, o comité do complexo industrial de Alcoa convocou unha andaina o vindeiro domingo, 27 de setembro, en Xove, de 11.00 a 12.00 horas. A marcha partirá da estación de tren cara a Praza do Concello.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here