Industria confirma que citou a Alcoa para a mesa multilateral

Á espera de que a compañía confirme a súa presenza, Industria tenta reabrir unha vía de negociación entre todas as partes; o comité ofrecera levantar a folga se a empresa retira o ERE

Álvaro Dorado, presidente de Alcoa España, entre Feijóo e a ministra de Industria, Reyes Maroto. GC/EP/CARLOS CASTRO

O Ministerio de Industria confirmou este martes que a multinacional Alcoa está citada para o vindeiro luns, 16 de novembro, ás 18.00 horas, na mesa multilateral convocada para abordar a situación da planta de aluminio de San Cibrao, na que a empresa presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o despedimento de 524 traballadores da fábrica e doutros alomenos 400 na industria auxiliar.

Segundo confirmaron fontes do Goberno central ao Xornal da Mariña, participarán no encontro representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico; da Delegación do Goberno en Galicia; da Subdelegación do Goberno en Lugo; da Xunta de Galicia; da Federación Autonómica de Galicia (CC OO, UGT e CIG); do comité de empresa de Alcoa; das Federacións de Industria (CCOO e UGT) e de Alcoa.

AS ÚLTIMAS REUNIÓNS FORAN TRIPARTITAS ANTE A DISPOSICIÓN DE ALCOA A PARAR AS CUBAS

Deste xeito, e despois de que o comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao se abrise a relaxar as condicións da folga indefinida e mesmo a levantala se Alcoa retira o despedimento colectivo, demandando a Goberno e multinacional que “desbloqueen” a situación, Industria tenta abrir de novo unha negociación entre todas as partes. Ante a disposición da empresa a executar o despedimento colectivo, freada polo de agora por vía xudicial, as últimas mesas de traballo foran limitadas á participación de Xunta, Goberno e centrais sindicais. Mesmo Alcoa non acudiu a algunha das convocatorias do Estado.

Alcoa teimou en aplicar o ERE malia as peticións de que negocie “de boa fe” unha venda da planta de aluminio ben á siderúrxica británica Liberty House ben á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), de quenes rexeitou ofertas. O despedimento colectivo implicaría a perda de máis de 500 despedimentos e a parada de cubas; tanto un laudo arbitral como o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que estimou en parte as medidas cautelares solicitadas polos sindicatos, déronlle a razón aos obreiros e negáronlle á multinacional o apagado da maquinaria en tanto non haxa sentenza firme.

Os traballadores anunciaron o pasado luns que tramitaron a impugnación do ERE, o que fai efectivas as medidas cautelares adoptadas polo TSXG.

OS OBREIROS RECLAMAN AO GOBERNO QUE INTERVEÑA SE NON HAI VONTADE DE VENDA DAS INSTALACIÓNS

Tralo fallo en contra da parada das cubas, o Goberno afirmou que “segue tendendo a man” a Alcoa, que gardou silencio sobre a posibilidade de recorrer o auto. Os traballadores reclaman ao Executivo central que sente á multinacional a negociar unha venda, requerindo a interlocución de Roy Harvey, presidente da compañía; de non aceptar a empresa volver abordar unha transacción da planta, os sindicatos esixen a intervención pública da mesma.

Esta mañá, segundo recollen axencias, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, expuxo que “seguir encallados non nos serve nin ao Goberno nin a nós”.

Así mesmo, o presidente do comité de empresa apuntou que “a intervención ou a venda” aos traballadores dálles “igual” porque o que perseguen “é que se manteñan o cento por cento dos postos de traballo e o cento por cento da produción“. “Calquera das dúas solucións dános igual, que sexa venda ou intervención”, matizou.

Seguidamente avanzou que continuarán coas “mobilizacións” aínda que “máis pensadas e máis rebuscadas para evitar ser un foco de contaxio de Covid-19“. “Como fixemos ata agora que mantivemos o Covid fóra da fábrica e fóra da Mariña“, abundou. “Temos que facer protestas con menos persoas”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here