O Museo do Castro de Viladonga exporá nos próximos días o machado votivo de bronce atopado no 2008 durante a excavación do xacemento galaico-romano de Punta Atalaia, en San Cibrao.
O persoal da pinacoteca recibiu o pasado luns a peza, que exporá “nunha semana ou en quince días”, segundo explica a directora, Elena Varela.
O museo de Viladonga -aberto a diario de 10.00 a 20.00 horas- custodiará o machado ata o outono. Daquela formará parte dunha exposición que se poderá ver durante varios meses na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
“Ao non existir un museo arqueolóxico provincial, no museo vanse depositando e xestionando todos os restos relevantes que aparecen tanto na cidade de Lugo como en boa parte da provincia”, expón Varela.
A directora lamenta que “o noso centro está orientado a divulgar o castro de Viladonga e non temos demasiado espazo para expoñer outros materiais. Aínda que si o facemos con pezas singulares, como sen dúbida é o caso”, asegura.
ÓPTIMA CONSERVACIÓN
Así o certifican as investigacións científicas. O machado que apareceu en San Cibrao é especial polo seu excelente estado de conservación, xa que apareceu recuberto dun gran manto de area que o protexeu do paso do tempo, pero principalmente porque é a única peza deste tipo encontrada nun contexto arqueolóxico.
É O ÚNICO BRONCE VOTIVO SACRIFICIAL CASTREXO QUE APARECEU ASOCIADO A MATERIAL ARQUEOLÓXICO
Os materiais asociados ao machado son uns 5.000 fragentos cerámicos, de tipoloxía castrexa con decoracións variadas; cerámica común romana e sigillata; así como materiais de construción, líticos e metálicos e máis de 15 moedas.
CRONOLOXÍA
A partir deste material, a arqueóloga Eva Castro Vigo entende que a cronoloxía -non pechada- desta pequena brosa de ofrenda correspóndese coa primeira ocupación do xacemento de Punta Atalaia -que deixou restos de época antiga, medieval e contemporánea-, entre o século I antes de Cristo e o II d. C.
OS INVESTIGADORES SITÚAN A CONSTRUCIÓN DO MACHADO ENTRE OS SÉCULOS I A. C. E ii D. C.
A arqueóloga enmarca a peza dentro da categoría de bronces votivos sacrificiais da cultura castrexa, dos que -aínda que a listaxe foi en aumento nos últimos anos- só se coñecen sete.
CARACTERÍSTICAS
O machado conserva unha pátina externa de cor verde, aínda que algunha fenda producida durante a excavación permite ver a súa tonalidade de bronce. Mide 12,30 centímetros de lonxitude e pesa 174 gramos.
A CABEZA, DE FORMA TRIANGULAR E REMATADA EN FÍO DE BROSA, TEN A FORMA DUN TOURO
A cabeza, de forma triangular rematada en fío de brosa, ten a imaxe dun touro ou carneiro. O corpo, triangular que evoluciona cara unha forma circular rematado en decoración moldurada, contra con catro elementos figurativos. Segundo precisa a arqueóloga, foi fabricada pola técnica da cera perdida.
Podes consultar a información completa neste enlace.
XACEMENTO “VALIOSO”
O achádego do machado confirmou o valor do castro costeiro da Atalaia sancibrense, que no 2007 estivo a piques de ser arrasado durante a febre do bum urbanístico.
Daquela, as asociacións Mariña Patrimonio e Adega clamaron contra os proxectos de vivendas na zona e esixiron responsabilidades á Xunta de Galicia e ao Concello de Cervo pola concesión de licenzas para edificar e por non paralizar de forma inmediata as obras sobre un castro inventariado.
Nos últimos meses, o goberno local cervense redactou un plan de conservación duns 20.000 metros cadrados do xacemento e iniciou trámites para a demolición de edificios desocupados na contorna do castro.
O CASTRO, A PIQUES DE SER ARRASADO CANDO O BUM URBANÍSTICO, ESPERTA O INTERESE DOS ARQUEÓLOGOS
Varela confirma a importancia do xacemento. “Temos moito material almacenado de Punta Atalaia no museo, que non podemos expoñer por falta de espazo pero que está ben custodiado á espera de que haxa un lugar para facelo. Hai cerámica ou moedas, caixas de restos”, expón.
Do valor de Punta Atalaia non só fala a cantidade e singularidade do material, senón o interese dos investigadores. “Hai varios arqueólogos que veñen consultar o material e trátase dun castro que segue en proceso de investigación”, subliña.