“Sobre a Mariña fixéronse poucos estudos arqueolóxicos serios e hai moitísimos xacementos”

Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, cre que hai un baleiro no custodio da cultura material dos antergos

Manuel Miranda, no centro, na inauguración da mostra. AXM

Este venres é o Día do Patrimonio Mundial. En doce anos de andaina, a asociación Mariña Patrimonio converteuse nunha referencia do custodio da cultura material dos antepasados na Mariña Lucense. Xunto coa agrupación Fervenza de Sargadelos e en colaboración co Concello de Cervo, expón ata o 30 de novembro útiles do paleolítico no consistorio.

Falamos co presidente do colectivo, Manuel Miranda, sobre os actos e sobre o patrimonio na bisbarra.

Como xurdiu esta iniciativa?

Nós pertencemos á Rede do Patrimonio Cultural de Galicia, que acordou celebrar o Día do Patrimonio Mundial 2018 con varias actividades. Tiñamos varios útiles do paleolítico que foron atopados de xeito casual. Á xente de Mariña Patrimonio gústalle o mar, o monte, camiñar, e cos anos fomos aprendendo a distinguir restos.

Durante anos, fomos acumulando estes útiles e comunicándollo a Patrimonio, como establece a lei. Pero non viñeron por eles, e nas nosas mans non fan nada. Decidimos entregalos á pinacoteca máis próxima, que é o Museo Arqueolóxico de Vilalba, pero antes consideramos que estaba ben que a xente da Mariña Lucense os vira.

Onde apareceron os útiles?

Pois maioritariamente en Cervo, porque aquí reside boa parte da xente de Mariña Patrimonio. Achámolos en Río Covo, A Senra, a fraga de TrasbarSon o resultado das nosas rutas. Tamén en Xove, Foz ou Barreiros.

Que se vai atopar a xente que se achegue á exposición?

Exporemos aproximadamente unhas 40 pezas dunhas 70 ou 80 que fomos recollendo. Hai útiles distintos, en función da utilidade que se lles daba: cortar, raspar, fender… Temos machados e varios tipos de fendedores, que se utilizaban para romper os ósos dos elefantes e comer a miola.

“MOSTRAMOS 40 PEZAS, ATOPADAS EN XOVE, CERVO, FOZ OU BARREIROS. SON O RESULTADO DAS NOSAS RUTAS”

Aquí na Mariña houbo fauna que agora non coñecemos, como rinocerontes. Segundo din os expertos, estes poboadores eran carroñeiros e seguramente seguían as manadas para ir a polos animais máis febles.

Un dos útiles que se pode ver na exposición. AXM

Tamén hai bifaces, que son a ferramenta máis característica do paleolítico, con múltiples usos.

Que antigüidade teñen as pezas?

Consultamos a algúns expertos e dinnos que hai algunha peza que podería ter 500.000 anos, do período heidelberxiense, do paleolítico medio.

“HAI ÚTILES DE 500.000 ANOS DE ANTIGÜIDADE E UNHA DAS POUCAS PEZAS ATRIBUÍDAS A NEANDERTAIS NO NORTE DE LUGO”

Hai algunha “xoia da coroa”?

Temos unha punta levallois que se distingue pola técnica, dese nome, utilizada para obtela. Foi obra de neandertais.

Hai pezas moito máis antigas, pero os expertos que consultamos dinnos que esta podería ser especial, porque non hai case constancia de indicios de neandertais na zona norte de Lugo.

Polo tanto, a mostra é unha oportunidade única, con pezas únicas.

Si. Son pezas que ademais imos depositar en Vilalba e que non sabemos cando se exporán de novo na Mariña. É pouco probable que volvan, polo que si que é unha opción que igual non se repite.

“AS PEZAS IRÁN AO MUSEO DE VILALBA, ASÍ QUE NON SABEMOS SE VOLVERÁN Á MARIÑA. É UNHA OPORTUNIDADE ÚNICA”

ACTIVIDADES DIVULGATIVAS

Ademais da exposición, organizan outro tipo de actividades, educativas e divulgativas.

Si. O día 23 haberá actividades no instituto de San Cibrao, e é posible que tamén nos colexios. O alumnado asistirá a unha charla sobre o paleolítico e á exposición.

Tamén lles imos ofrecer un obradoiro de fabricación de útiles líticos, para que podan ver como facían os nosos antergos.

Participantes nun obradoiro de bateo de ouro de Mariña Patrimonio. MP

E ese mesmo día haberá unha conferencia no consistorio, sobre os primeiros poboadores da Mariña.

Teremos con nós a Eduardo Ramil, o director do Museo Arqueolóxico de Vilalba e cuxa especialidade é precisamente o paleolítico. Trátase dun dos grandes expertos que hai en Galicia. Primeiro falará para os estudantes, pola mañá, e pola tarde ofrecerá unha charla aberta ao público. Convidamos a asistir porque será moi interesante.

“EDUARDO RAMIL, QUE OFRECERÁ UNHA CHARLA O 23, É UN DOS GRANDES EXPERTOS DO PALEOLÍTICO NA MARIÑA”

INICIOS

Mariña Patrimonio naceu no 2006, para evitar a destrución do castro da Atalaia. Cal era o obxectivo?

Inicialmente parar aquel proxecto de edificación sobre o castro. Aí decidimos xuntarnos un grupo de apaixonados, xente que nos gustaba o patrimonio, porque ningún de nós é arqueólogo, e facer unha asociación. O pequeno triunfo que se acadou deunos azos.

Animóunos a seguir, porque nos dimos conta de que se podían salvar moitas cousas e, en efecto, segue a facer falta que se salven cousas.

XACEMENTOS EN PERIGO

Que xacementos da Mariña están en perigo?

Pois hai varios. O eucalipto está a ser demoledor, téñense destragado mámoas de 5.000 anos por plantar enriba cinco eucaliptos. Somos moi críticos con Patrimonio. Ás veces parece que existe máis para permitir barbaridades que para evitalas. Vimos de denunciar xunto con Adega a súa actitude respecto da destrución do Castro da Trinidade de Mondoñedo e Lourenzá por unha canteira.

“téñense destruído mámoas de 5.000 anos por plantar cinco eucaliptos”

Tamén é certo que a administración está cambiando. Hai unha maior sensibilidade. Antes, por exemplo, non había ningún tipo de comunicación entre Medio Rural e Patrimonio. Iso daba pé a prexudicar moitos xacementos.

Ruta de Mariña Patrimonio. AXM

MINAS ROMANAS E PETRÓGLIFOS

Ao longo dos anos, puxeron en valor xacementos que se menosprezaron ou pasaron desapercibidos.

Repetimos que non somos expertos, pero co tempo fomos aprendendo a mirar, e agora estamos atentos. Aquí faltaba alguén que se preocupase.

Pasounos coas minas de ouro romanas que houbo na desembocadura do río Masma. Aquí atopáranse torques de ouro, estaba a toponimia: Valadouro, por exemplo. E non se falaba de minas.

“dicíase que na bisbarra non houbo minas de ouro, pero atopáronse torques. tampouco petróglifos. agora miramos cada pedra”

Atopámolas de casualidade, e xa había referencias delas, pero quedaran esquecidas. O arqueólogo Santiago Ferrer, que é quizais o máis prestixioso de España neste ámbito, validou o xacemento e díxonos: “agora ides ver minas de ouro por todos os lados” (ri). Hai nada fomos á Pontenova con Javier Sánchez-Palencia e atopamos outra.

Tamén, durante anos pensouse que non había petróglifos na Mariña. Logo demostrouse que si que os había, e agora cando imos de ruta miramos cada pedra (ri).

Na Mariña non hai demasiados estudos arqueolóxicos serios. Non vivía ninguén aquí? Hai moitísimos xacementos e un baleiro moi grande.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here