InicioMovementos Sociais"Dez días por cita, 1.800 doentes por médico, 2.000 nenos por pediatra":...

“Dez días por cita, 1.800 doentes por médico, 2.000 nenos por pediatra”: Viveiro clama pola atención primaria

Veciños, médicos, políticos e sindicatos concentráronse para esixir á Xunta que reforce o persoal no centro de saúde viveirense

Publicada o

- Advertisement -

Veciños e médicos concentráronse este martes diante do centro de saúde e Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro, onde denunciaron “listaxes de agarda de ata dez días para unha consulta en atención primaria” e urxiron á Xunta de Galicia a que reforce o persoal do ambulatorio.

Co lema ‘Por unha atención primaria digna‘, os convocantes sinalan que decidiron mobilizarse para apoiar “unha petición dos propios facultativos, que nos din que están sobrecargados de traballo”. Así o manifestou o voceiro da plataforma veciñal, Aurelio Goás.

Os convocantes aseguran que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) “négase a reforzar o número de profesionais para urxencias ou especialidades como a de pediatría” e “nin tan sequera cubre as baixas médicas xustificadas por enfermidade ou vacacións”.

os convocantes din que o sergas “négase a reforzar persoal e a cubrir baixas por enfermidade ou vacacións”

SEN TRES MÉDICOS NO NADAL

Goás lembra que no pasado Nadal “houbo semanas con tres médicos menos na quenda de mañá, o que provocou agardas de nove e dez días por unha consulta, que algúns facultativos atendesen a máis de 55 persoas nunha soa xornada ou que teñan pechadas dúas citas á mesma hora”.

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, apoiou a reivindicación e resaltou que as dificultades que afrontan os profesionais no centro de saúde viveirense “van en detrimento de 15.500 persoas que viven no municipio e das case 3.000 do Vicedo e Ourol, cuxo PAC é este”.

A rexedora asegura que “os veciños levan tempo reclamando que se reforce o persoal, pois cando hai urxencias a domicilio é imposible asumir o volume de traballo e polo tanto ofrecer unha atención sanitaria digna”.

“CINCO HORAS DE AGARDA” EN PEDIATRÍA

Segundo expón Loureiro, “unha das prestacións afectadas polos recortes do Goberno da Xunta é a de pediatría, que pasou de contar con dous profesionais a ter tan só un, o responsable de atender aos 2.000 nenos de Viveiro, O Vicedo e Ourol. Isto supón que algunhas familias teñan agardado cinco horas para unha consulta ordinaria”, indica.

“DESMANTELAMENTO” DOS CENTROS DE SAÚDE

Tamén acudiron á concentración representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

A voceira do colectivo, Montse Porteiro, engloba a situación do centro de saúde de Viveiro nun contexto no que “a atención primaria está sendo desmantelada” e lembra a campaña emprendida en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros para esixir a cobertura da pediatra que comparten os tres municipios.

Concentración en Viveiro. AXM

QUENDA DE TARDE

Porteiro denuncia “a presión asistencial” que soportan os traballadores do ambulatorio viveirense, onde, “sobre todo en quenda de tarde, algún facultativo soporta un cupo de 1.800 pacientes. Consideramos que isto é moi grave, pois o que marca o Sergas como recomendable son 1.250 tarxetas sanitarias por médico”, argumenta.

Ao igual que a plataforma sanitaria, o BNG de Viveiro, que falou de “estado de emerxencia” no centro de saúde, tamén esixiu a contratación dun cuarto facultativo na quenda de tarde. Na xornada vespertina “hai 4.714 tarxetas sanitarias, tres facultativos e dous cupos pechados”, asegurou o partido frontista.

alertan de que o ratio de pacientes por médico na quenda vespertina supera “en 550” a recomendación do sergas

Os nacionalistas demandaron ao Sergas “que garanta no PAC dous equipos completos con persoal médico e de enfermería os 365 días ao ano, non só de venres a domingo”, pois, recordan, “na Mariña Lucense só existe unha ambulancia medicalizada con base en Foz”.

“RESPOSTA GLOBAL”

CIG-Saúde, que tamén apoiou a protesta, asegurou nun comunicado que a situación “require dunha resposta global e dun compromiso político ao máximo nivel para dotar de recursos a centros de saúde e PACs”.

A central nacionalista reclamou “recuperar as estruturas de administración de atención primaria, con capacidade para xestionar orzamento e recursos humanos” e “incrementar o presuposto para aumentar o número de profesionais con contratacións estables”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...