Visto para sentenza: sindicatos e Administracións atribúen “mala fe” a Alcoa, que alega “perdas brutais”

O xuízo pola impugnación do despedimento colectivo finalizou tras unha confrontación entre as partes sobre a actitude da empresa respecto ao período de consultas

Un obreiro, durante a protesta do pasado xoves ante a fábrica. EFE

O xuízo sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de Alcoa na súa planta de aluminio de San Cibrao, que afecta a máis de medio milleiro de empregados, ademais de ter un máis que probable impacto noutros alomenos 400 postos de traballo na industria auxiliar, quedou visto para sentenza este xoves tras unha vista “maratoniana” na que a empresa confrontou cos representantes dos traballadores de das Administracións, Xunta de Galicia e Goberno de España, se houbo ou non mala fe no período de consultas.

Nas súas conclusións na sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na Coruña, a letrada de CC OO, María Veiga, sinalou que quedou demostrada a “pantomima” de negociación que levou a cabo Alcoa durante 120 días, posto que “xa se sabía” que ía rematar “abortando unha venda”. Por iso pediu que se declare a nulidade do despedimento colectivo, dado que a multinacional “simulou” un período de consultas “que non houbo”.

CC OO: “ALCOA CONFUNDE DELIBERADAMENTE”

Nunha xornada que comezou ás 9.00 horas, cunha tentativa fallida de conciliación e que rematou pasadas as 20.15 horas, a avogada expuxo que todos quedaron “cansos” ese día, nunha “minirrepresentación do que ocorreu no período de consultas”, no cal a empresa “limitouse a asegurar que as causas do ERE eran incontestables”, pero sen ofrecer probas, “confundindo deliberadamente sen ningún rigor” con diferenzas de ata 16 millóns de euros en perdas previstas “entre a contabilidade financieira e analítica”.

Ademais, queixouse de que “aínda por riba”, ademais de non cumprir coas consultas, a empresa avogou por un despedimento colectivo “barato” con 30 días para un “máximo” de só unha anualidade.

UNHA DECISIÓN “TOMADA EN OUTUBRO DO 2019”

Deste xeito, concluíu que en outubro de 2019, “Alcoa decidiu adoptar a decisión de reducir a producción mundial do aluminio, mirou o mapa e sinalou San Cibrao”. Con todo, “o que estaba a alza subiu e non se poden defender os mesmos resultados económicos. As causas non se sosteñen se cambian os parámetros”, indiciu.

O xuízo celebrouse nun xoves no que centos de traballadores continuaron coas súas protestas na fábrica de Cervo, coa queima de pneumáticos e de carteis da marca da propietaria.

A CIG: “A APARICIÓN DE LIBERTY DESMANTELA A NARRATIVA” DA EMPRESA

Pola súa banda, o letrado da CIG, Héctor López, salientou que a propia Autoridade Laboral advertiu de que “non se estaba a efectivizar o período de consultas”, que para Alcoa foi “un mero trámite” para executar o ERE. O avogado afirmou que a aparición de Liberty House “desmantelou a narrativa de Alcoa. Unha empresa privada, coma ela, que busca o beneficio, coma ela, quería quedarse coa planta”, remarcou.

Ademais, sobre a liberdade de empresa e a propiedade privada, Alcoa admitiu unha “autolimitación” e “un marco moi preciso” cando se comprometeu a afrontar un proceso de venda “en condicións razoables”. Pero “non querían vender, querían blanquear a súa mala fe anterior”. Os dereitos mencionados “non inclúen inutilizar unha fábrica estratéxica” coa parada de cubas, sostivo, nin a “eliminar un competidor” nin “os postos de traballo”.

Alcoa “di que hai que pechar San Cibrao mentres se mete no mercado máis aluminio reactivando fábricas como a de Warrick ou Betencour”, censurou.

Finalmente, no tocante ao prezo de enerxía, suposta causa na que Alcoa baseou a súa defensa, fixo fincapé “en que vimos dun sistema que permitía cobrar (á multinacional) 382 millóns de cartos públicos en seis anos, e ímonos a outro con máis peso das renovables; non ten nada de estrutural, e a mellor mostra é que outras empresas queren quedarse co negocio”, argumentou.

UGT: A MULTINACIONAL “NON OFRECEU NUNCA” UNHA ALTERNATIVA AO ERE

O letrado da UGT, Pedro Blanco, argumentou que non se “ofreceu nunca” unha “alternativa” aos despedimentos e a parada de cubas, quitando “na véspera” de acabar o período de consultas un ERTE “supeditado a asinar a existencia de causa para un futuro ERE, unha morte en diferido”.

“Falan de causas estruturais que hoxe non existen”, afirmou, para salientar que Alcoa non quixo vender “mesmo cando tivo a venda en bandexa”. Deste xeito, pediu a nulidade para “acabar con esta mercantilización dos traballadores”.

O AVOGADO DO ESTADO ENUMERA AS MOSTRAS DE “MALA FE”

O avogado do Estado gastou apenas tres minutos e medio en concretar na súa intervención “os feitos diferenciais de mala fe” da empresa: “o precedente da Coruña e Avilés, cunha venda que acaba cunha fábrica parada e improdutiva”; “o número de traballadores elixidos”, xusto un 1% por debaixo do 15% que obriga a renunciar ás axudas estatais; a “súa conduta durante o período de consultas” e “cos representantes dos traballadores”; a “posición inamovible na negociación con Liberty, sen alterar premisas económicas nin sobre o fornezo de alúmina”; ou a “negativa a unha mediación” das Administracións.

Así, remarcou que na propia web o vicepresidente da multinacional explica a “estratexia” de Alcoa: “seguimos un proceso formal para a parada de cubas, para estar seguros de que cumprimos coa normativa española”.

A XUNTA: “NON HOUBO PERÍODO DE CONSULTAS”

O representante da Xunta de Galicia abundou nesta visión, insistindo en que o ERE “é radicalmente nulo” porque “non houbo período de consultas”, senón a “apariencia” do mesmo “para executar unha idea preconcebida”.

ALCOA CENSURA A “ESTRATEXIA” SINDICAL DE DENUNCIAR DOLO “DESDE O PRIMEIRO DÍA”

Na súa última intervención, o representante legal de Alcoa reclamou a desestimación da demanda e unha sentenza absolutoria, ao considerar que quedaron acreditadas “as perdas brutais” da planta, con “causas estruturais incontestables”.

O letrado, Bernardo Pérez Navas, insistiu na duración das consultas, eses 120 días, para tentar argumentar que Alcoa propuxo “alternativas” ao ERE ante a “estratexia” dos sindicatos de “atribuír mala fe desde o primeiro día”.

Deste xeito, acusou á parte social de querer mudar “un aparente proceso de venda” nun procedemento de “venda obrigatoria”, cando é a Alcoa á quen lle corresponde a “decisión” sobre a planta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here