InicioPolíticaAs retribucións rachan o bipartito do Valadouro

As retribucións rachan o bipartito do Valadouro

Semanas despois da investidura, o BNG acusa ao PSOE de incumprir un acordo asinado que asignaba 30.000 euros a cada formación para as dedicacións dos seus edís

Publicada o

- Advertisement -

Se ningún acordo de última hora o impide, o bipartito do Valadouro racharase este mércores (20.00 horas), nun pleno extraordinario convocado polo executivo valadourense para reorganizar as áreas de goberno.

A pouco máis de quince días da investidura do socialista Edmundo Maseda como alcalde, e unha semana despois da sesión plenaria de organizaciónPSdeG-PSOE e BNG darán por finalizada a súa colaboración despois de non chegar a un acordo no tocante ás retribucións a percibir polos concelleiros de ambos partidos.

Os dous partidos chegaran a un acordo para o reparto das concellerías que este mércores quedará presumiblemente en papel mollado despois de que se enquistasen as desavinzas entre socialistas e nacionalistas no tocante ás dedicacións e as contías a percibir.

PACTO “PREVIO Á INVESTIDURA”

Segundo expón o aínda tenente de alcalde e concelleiro de cultura e obras, o nacionalista Eduardo Chao, o xerme da ruptura é o “incumprimento” por parte do partido socialista valadourense dun acordo “previo á investidura” no tocante ás retribucións.

Chao expón que PSdeG-PSOE e BNG chegaron a un pacto para que cada partido do bipartito tivese a mesma cantidade, 30.000 euros por formación, para repartir entre os concelleiros. “Este acordo foi asinado e serviu para que Edmundo Maseda fose investido como alcalde”, sinala o concelleiro nacionalista.

A versión de Chao é que os socialistas se retractaron do asinado días despois da investidura, alegando que a cantidade a percibir polos edís do Bloque era excesiva. “Deses 30.000 euros, os concelleiros repartiriamolos nunha proporción de 70 e 20 por cento da xornada, con dúas dedicacións parciais“, explica.

“A cantidade parécelles agora moita”, sostén o edil nacionalista, que afirma que propuxo ao PSdeG-PSOE rebaixar a contía destinada ás retribucións, ata os 15.000 euros por formación política. “Pero non quixeron baixar a súa”, salienta.

SITUACIÓN “GRAVE”, QUE XERA “DESCONFIANZA”

O concelleiro nacionalista entende que se produciu unha situación “moi grave“, que “crea moita desconfianza” entre os dous edís da formación frontista á hora de unirse ao proxecto de goberno en coalición. “Somos xente de palabra e con ela basta, pero se ademais se incumpre algo asinado, nós non imos estar nese executivo”, asegura.

OS SOCIALISTAS NON SE PRONUNCIAN

O Xornal da Mariña tentou coñecer a versión do PSdeG-PSOE sobre a ruptura do acordo pero a formación socialista non quixo pronuciarse, aínda que presumiblemente responderá este mércores a través dun comunicado.

Un suposto cambio de postura de Chao no tocante á súa dedicación -en principio ía ser exclusiva e despois parcial- pode estar detrás da negativa dos socialistas a cumprir o asinado.

GOBERNO EN MINORÍA

Así, este mércores reorganizaranse as concellerías para un goberno en minoría. Os socialistas asumirán as áreas de cultura e obras -competencia de Chao- e de servizos sociais e turismo, asignadas a Eliseo Teijeiro.

O panorama preséntase complicado para o executivo municipal. As pasadas eleccións municipais deron catro edís ao PSdeG-PSOE, a lista máis votada, e outros tantos ao PP. O Bloque obtivo dúas actas por unha do partido independente Udival.

Así as cousas, o executivo terá que propoñer medidas que poidan contentar ben aos populares ben aos nacionalistas, xa que a edil de Udival non suma o suficiente para sacar adiante as propostas.

DEDICACIÓNS

Tamén irán a pleno as retribucións contempladas nun principio para os edís do PSdeG-PSOE. Edmundo Maseda, que -á espera de asumir outras delegacións- ostentará as áreas de urbanismo, vivenda, facenda, infancia, industria, comercio e persoal, terá unha dedicación exclusiva de 20.000 euros brutos anuais, similar á do anterior mandato (18.000).

María Mon, que nun principio asumirá as competencias en educación, xuventude, deporte, familia e muller, percibirá unha dedicación parcial de 10.000 euros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...