IniciosociedadeA Xunta alude a “estudos” pero non concreta datos para recortar un...

A Xunta alude a “estudos” pero non concreta datos para recortar un técnico da ambulancia medicalizada

PSOE, BNG e plataforma aumentan a presión social sobre o Goberno galego para que manteña a dotación de catro profesionais

Publicada o

- Advertisement -

Partidos políticos, alcaldes e traballadores denunciaron ao longo dos últimos días o recorte dun Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) da ambulancia medicalizada de Foz, a única coa que conta a Mariña Lucense. Urxencias Sanitarias insiste en que malia a supresión dun dos dous profesionais cos que conta a dotación -ademais dun médico e un enfermeiro– a atención está “garantida” cos recursos dispoñibles, pero máis alá de aludir a “estudos” realizados polo 061 non concreta datos que xustifiquen a medida.

Segundo expón Urxencias Sanitarias, os novos pregos da prestación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre responden a un novo modelo que espera implantar na comunidade a partir do mes de outubro. Co novo plan, a Xunta de Galicia desliga a ambulancia medicalizada de Foz daquelas que operan nas grandes zonas urbás galegas –A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Mos-, que seguirán a contar con catro profesionais (dous TES, enfermeiro e médico).

AS ÁREAS URBÁS, COA DOTACIÓN COMPLETA

Entre as 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) de Galicia e o servizo completo de ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) cos que contarán estes territorios, A Mariña disporá -xunto a Monforte de Lemos, onde se creará o servizo, e O Salnés, comarca á que se dotará del a tempo completo, pois só o desfrutaba en verán- dunha prestación intermedia, cun só tres profesionais.

lugo, ourense, ferrol ou pontevedra contarán cunha dotación completa

Segundo os traballadores, o recorte suporá a “merma da calidade asistencial” e o “aumento dos tempos de resposta” dun servizo que é como unha Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil, especializada en atender doenzas –ictus, paradas cardíacas e infartos, entre outras- consideradas tempodependentes, que requiren dunha atención rápida para ser efectiva.

A Xunta alude a que a inclusión da Mariña Lucense nesta nova categoría, con con menos persoal, “responde aos resultados dos estudos para manter e mellorar a calidade organizativa e asistencial do servizo, baseados no tipo de servizos realizados e nas recomendacións e estudos científicos que avalan a calidade asistencial en calquera tipo de patoloxía urxente interhospitalaria e extrahospitalaria”.

“OUTRAS COMUNIDADES AVALAN” O MODELO, DI A XUNTA

Con todo, fontes do Sergas non clarifican que datos avalan a medida, nin porque noutros terriotorios está xustificada a necesidade de dous TES no recurso. Argumentan que a dotación “cumpre cos decretos estatal e autonómico na materia” e que “outras comunidades” levan tempo traballando na atención de urxencias “con este mesmo modelo de ambulancia”, obtendo “resultados que certifican a calidade asistencial e a atención a calquera tipo de patoloxía urxente”.

os operarios recordan que a mariña ten moitos núcleos rurais difíciles de localizar, o que pode aumentar os tempos de actuación

No tocante ás instrucións técnicas, que os traballadores aseguran que non poderán cumprir coa merma de persoal, Urxencias Sanitarias afirma que a partir de outubro haberá outra normativa adaptada á nova dotación.

DISPERSIÓN XEOGRÁFICA E POBOACIONAL

Os profesionais alertan de que, no caso da Mariña Lucense, a dispersión poboacional supón un problema para atopar rapidamente os núcleos rurais, para o que consideran un segundo TES “imprescindible”.

Parte do traballo da ambulancia medicalizada é realizar traslados entre hospitais de pacientes críticos ou que precisen da realización dunha proba. Os operarios advirten do cansanzo que poden acumular os profesionais ao non realizar as quendas de relevo habituais, o que “afectaría non só á seguridade dos ocupantes da ambulancia senón tamén á dos usuarios da vía pública”.

Tamén inflúe a dispersión xeográfica: lembran que o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) está a unha hora e cuarto de viaxe, o tempo ao que se sitúa a seguinte ambulancia medicalizada, ubicada en Lugo.

Neste senso, o servizo do Salnés tería a ambulancia medicalizada de Pontevedra a arredor de 20 quilómetros. 

a xunta lembra que hai dous helicópteros medicalizados en ourense e santiago, pero os obreiros cuestionan os tempos de chegada

ACCIDENTES CON VÍTIMAS MÚLTIPLES

Os operarios tamén cuestionan que se poidan seguir os protocolos nos accidentes con vítimas múltiples cun só técnico. Urxencias Sanitarias lembra que “poden prestar asistencia sanitaria urxente os dous helicópteros medicalizados do 061 de Galicia, con base en Santiago e Ourense, que aumentarán a súa operatividade de 210 horas anuais a 640”. Neste senso, os traballadores aseguran que este recurso apenas ten presenza na bisbarra e que pode tardar “preto de 50 minutos a determinadas zonas”.

“RELEVOS IMPRESCINDIBLES” NAS REANIMACIÓNS

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña explica que “os técnicos son os encargados das compresións torácicas, debendo turnarse cada dous minutos, xa que manter o ritmo axeitado para garantir a recuperación fai imprescindible que se alternen ambos profesionais”.

a plataforma destaca que nas compresións torácicas os técnicos deben turnarse “cada dous minutos” para ser efectivos

Así, advirten desde o colectivo, “dispór dun só técnico obrigaría a chamar a un apoio dunha ambulancia de SVB, das que A Mariña é deficitaria, deixando descoberto o servizo noutro lugar”.

“AGRESIÓN” ÁS COMARCAS “PERIFÉRICAS”

O colectivo considera a medida da Xunta, “sen aviso previo e de forma inesperada, unha nova agresión e desprezo á comarca”. A plataforma sanitaria sinala que “o feito de que se elimine un dos técnicos de transporte sanitario só na Mariña e Monforte, confirma que á Xunta de Núñez Feijóo impórtanlle moi pouco as comarcas periféricas”.

CONCENTRACIÓN EN FOZ

Este venres, ás 19.00 horas fronte ao centro de saúde de Foz, haberá unha concentración para denunciar o recorte de persoal. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Santos Ramos, confirmaron a súa presenza. “Xa nos quitaron a área sanitaria, que hai que recuperar canto antes, e agora non podemos permitir que se nos saque a prestación dun servizo tan fundamental”, expuxo o rexedor burelao.

O BNG LEVARÁ O RECORTE AO PARLAMENTO

Tamén se manifestou sobre esta cuestión o BNG. O candidato á alcaldía de Foz, Francisco Javier Fanego, asegurou que o recorte dun técnico da ambulancia medicalizada “é moi grave, a gota que colma o vaso” e avanzou que o partido nacionalista levará ao Parlamento galego a través da deputada Olalla Rodil.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...