O BNG afirma que a Xunta non destina máis orzamento á nova EDAR de Burela “por motivos políticos”

Pillado ve "un menosprezo" aos veciños asignar 250.000 euros á depuradora, "o mesmo que no 2018, que non se executou"; Ermida critica que non haxa "nada nominativo" para Barreiros

EDAR de Burela. GOOGLE MAPS

O BNG de Burela cualifica de “menosprezo intolerable” á veciñanza do municipio o borrador dos orzamentos da Xunta de Galicia, que destinará 250.000 euros para a estación depuradora de augas residuais (EDAR). Trátase, resalta o voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado, dun investimento “insuficiente” é que é “tan baixo como o presupostado no exercicio anterior, que por certo non se executou”.

O grupo municipal do BNG ve “con asombro” as contas da Xunta, “anunciadas a semana pasada como se esa cantidade fose suficiente para solucionar o problema gravísimo que temos aquí en Burela”.

A falta de capacidade da actual EDAR vén provocando problemas, especialmente acusados nas épocas de chuvia. O orzamento previsto para a nova instalación, que se ubicará nun solar fronte ao club náutico, supera os nove millóns de euros.

Pillado considera que a Xunta non dedica máis orzamento “por motivos exclusivamente políticos, como se vén demostrando nos últimos tempos”. O voceiro do BNG argumenta que o Partido Popular (PP) ten unha actitude discriminatoria, pois “se non lles votas, non mereces un servizo primordial como a depuración de augas residuais”.

O voceiro dos nacionalista burelaos asegura que “chama a atención” o “silencio do PP de Burela con este tema. Tan esixente outras veces, agora o Partido Popular opta por estar calado mentres a veciñanza segue a aguantar esta situación, da que é evidente que xa está farta”.

CENSURA A “PARSIMONIA” DE LLANO Á HORA DE ESIXIR INVESTIMENTOS

Pasan os anos e a veciñanza ten que seguir aturando un problema de primeira orde”, lamenta Pillado, que tamén responsabiliza en parte ao goberno local en funcións do PSdeG-PSOE pola súa “total e absoluta parsimonia”.

“En catro anos prometéronnos moitas veces que todo avanzaba ben pero logo nunca se fai nada e sempre se van retrasando as datas sen que o alcalde, Alfredo Llano, cumpra coas súas responsabilidades esixindo das diferentes administracións compromisos, financiamento e investimentos. Xa non se pode esperar que obteña solución algunha coa súa xestión”, continuou Pillado.

ERMIDA LAMENTA A FALTA DE “COMPROMISO” COA EDAR DE SAN MIGUEL

Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, criticou tamén que as contas da Xunta non reserven ningunha partida para a nova EDAR de San Miguel de Reinante, para a que o goberno local solicitou financiamento tanto ao Goberno galego como ao Executivo central.

“Non hai nada nominativo para Barreiros”, lamenta a rexedora, que cre que “incluír unha partida aínda que fose inicial ou pequena demostraría o compromiso real coa EDAR de San Miguel, e tamén nos daría pé para negociar con outras administracións”, tendo en conta que se trata dun investimento de 3,3 millóns de euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here