IniciosociedadeNove novos positivos na residencia de Foz, tres de maiores, obrigan a...

Nove novos positivos na residencia de Foz, tres de maiores, obrigan a facer probas a obreiros e usuarios

A Xunta documenta outro caso confirmado, dun traballador, no xeriátrico de Burela

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) fará finalmente a proba de coronavirus a todos os residentes -un total de 40- e traballadores da residencia de Foz, despois de que se confirmasen novos positivos no xeriátrico focego.

Así o admitiu o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, que reclamara á Consellería de Sanidade tests para todos os usuarios e empregadas do xeriátrico despois de que se confirmase un primeiro positivo días atrás, o dunha traballadora, que segundo a dirección levaba dúas semanas en corentena por síntomas de bronquiolite cando se coñeceu o resultado da proba.

Despois de que unha segunda empregada do xeriátrico se sometese á proba con resultado negativo, nas últimas horas do pasado luns coñecéronse novos casos. Segundo confirmou a Consellería de Política Social, hai tres maiores infectados e outros seis empregados, para un total de sete.

O CONCELLO RECLAMARA TESTS PARA TODOS

“Son momentos complicados, especialmente para as familias, que non poden estar cos seus por precaución. Estamos moi pendentes da evolución e púxenme en contacto coas autoridades sanitarias e de responsabilidade ante a posibilidade de que o número de contaxios sexa maior, despois de que se confirmaran novos positivos na tarde-noite de onte (polo pasado luns)”, asegura o rexedor.

Cajoto destaca que “o Concello de Foz estará en todo momento ao dispor de familiares e traballadores da residencia para todo aquilo que precisen”.

Segundo os mesmos datos ofrecidos por Política Social, hai un empregado que deu positivo por coronavirus no xeriátrico de Burela.

UNHA EMPREGADA E UN USUARIO DE MIRADOR DEL EO, AFECTADOS

Unha empregada e un usuario da vivenda comunitaria de anciáns Mirador del Eo deron positivo por coronavirus. Todos os obreiros do centro foron sometidos ás probas despois de que un residente do xeriátrico privado de Ribadeo falecese no Hospital Público da Mariña, ata o de agora a única morte documentada na bisbarra por mor da pandemia.

Segundo explicou a directora do centro, oito empregados -incluído o fisioterapeuta, que é externo- sometéronse ás probas, resultando un único negativo. A persoa infectada permanece illada no seu domicilio.

Polo de agora, realizáronse probas a outros tres dos 14 usuarios da vivenda comunitaria, non porque presentaran síntomas senón porque debían acudir a tratarse por outras doenzas en Burela, cun saldo dun positivo e dous negativos. O residente infectado, con sintomatoloxía leve, permanece illado nunha habitación, ao igual que o resto e seguindo un protocolo que o xeriátrico ribadense aplicou “desde o principio da crise sanitaria”.

BULOS

Polo de agora, ningún outro usuario nin traballador de Mirador del Eo presenta síntomas. A directora do centro lamenta que se espallen bulos que atribúen máis positivos á vivenda comunitaria, chegando incluso a comentarse “que estamos todos infectados”.

A empresa expón que custeou unha desinfección realizada o pasado sábado, mediante nebulizador e con certificado oficial, encargado á firma Sanea.

SEGUNDO POSITIVO NA POLICÍA NACIONAL DE VIVEIRO

Tamén se confirmou o segundo positivo dun axente da Policía Nacional de Viveiro, segundo admitiron fontes do corpo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...