IniciosociedadeSeguen a baixar os casos activos no brote da Mariña, 119: un...

Seguen a baixar os casos activos no brote da Mariña, 119: un positivo novo e 20 altas

Catro persoas con Covid-19 permanecen ingresadas no Hospital da Costa, unha menos ca onte

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou este sábado dun novo caso positivo e 20 altas relacionadas co brote da Mariña, polo que o número de casos activos baixa a 119.

Segundo concreta o Sergas, das 77 PCR relacionadas co brote –segundo informou o alcalde de Burela, realizáronse outras 180 probas a empregados locais, todas negativas-, só houbo un resultado positivo.

Malia que admitiu que non comunicou por “erro” 15 casos -seis activos, nove altas- que si se recollían nun informe remitido ao xulgado, a Xunta de Galicia segue sen incorporar eses datos ao cómputo transmitido á opinión pública. Desta forma, fala de 119 infectados e de “máis de 90” as persoas curadas.

A día de onte, como informaba o Xornal da Mariña, incorporando os 15 casos non comunicados aos medios de comunicación polo Sergas pero si recollidos no auto xudicial que ratificou as medidas de peche da comarca adoptadas o pasado 10 de xullo, documentábanse alomenos 239 persoas afectadas polo brote, 144 activos e 95 coa alta epidemiolóxica.

Deste xeito, e coas cifras ofrecidas este sábado, o número de positivos sería de 125 e o de altas de 115, para un total de 240 afectados polo brote.

Dos 119 casos activos “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, concreta o Sergas, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

A presión asistencial sobre o Hospital Público da Mariña diminúe, pois catro persoas con covid-19 atópanse ingresadas no en Burela, en planta e con evolución “favorable”.

459 CONFINADOS

Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos, indica a Consellería de Sanidade, hai 459 persoas en seguimento domiciliario, 26 menos ca onte.

RESIDENCIA DE BURELA

Na residencia de Burela documéntase por agora unha única infectada, unha traballadora substituta; non se localizaron novos casos nin entre o persoal nin entre os maiores. Trátase do único positivo confirmado nos xeriátricos galegos, segundo o Sergas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...