O Sergas dá por finalizado o brote da Mariña, cos últimos positivos novos “a finais de xullo”

A Consellería de Sanidade reconta 75 positivos na provincia; non hai ingresados con Covid-19 no Hospital da Costa

Un enfermeiro realiza unha proba PCR. EFE

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) deu por finalizado o brote da Mariña Lucense, dado que “desde finais de xullo” non se produciron casos novos relacionados co abrocho. Os positivos rexistrados nos últimos días son “contaxios illados” sen relación coa cadea, afirma a Consellería de Sanidade, polo que deixa de informar diariamente aos medios de comunicación sobre o foco, que contaba o pasado domingo con 26 infectados.

A mesma fonte concretou que no palangreiro Punta do Xuncos, de Burela, confirmáronse os tres casos de coronavirus localizados, sen que se documentasen máis positivos entre a tripulación, de 13 integrantes. O resto dos mariñeiros están “illados e baixo control”, expón a Xunta de Galicia.

Malia que aínda non se levantaron certas restriccións na comarca por mor do brote de coronavirus, especialmente no que se refire ao ocio nocturno, cunha normativa máis restritiva, o Sergas anunciou que desde hoxe non informará sobre os casos activos na comarca. O mércores, o conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, reunirase cos alcaldes dos 14 municipios do distrito sanitario para abordar de novo a situación.

No relativo á provincia de Lugo, hai 75 casos activos, igual ca onte. Dous deles están ingresados no Hospital Público de Monforte e un no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Os tres permanecen en planta.

No Hospital Público da Mariña non hai ingresados, despois de que se producise, na madrugada do pasado domingo, a morte dunha paciente con Covid-19 de 83 anos, a primeira vítima mortal do virus na comarca desde o pasado 17 de abril -en maio falecera un doente con coronavirus hospitalizado en Burela, que durante o seu período na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) superara a enfermidade- e a sexta na bisbarra -a vixésimo novena a nivel provincial- no global da pandemia.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, semanas atrás documentouse un positivo no xeriátrico San Bartolomeu de Xove, o dunha traballadora, sen que se localizasen a través das PCR máis casos nin entre o persoal nin entre os usuarios. Un traballador do centro de maiores de Paradela tamén resultou contaxiado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here