InicioEn ProfundidadeO tren de proximidade pasa de longo pola Mariña

O tren de proximidade pasa de longo pola Mariña

Refe multiplica por catro as frecuencias da liña Ferrol-Ortigueira-Ferrol tralas "reclamacións das institucións", pero non contempla ampliar horarios na bisbarra

Publicada o

- Advertisement -

O pasado 3 de febreiro, Renfe ampliou de dous a oito os servizos nos días laborables da liña FerrolOrtigueiraFerrol. Creou así, de facto, un tren de proximidade entre os municipios do rural –San Sadurniño, Moeche ou Cerdido– e a cabeceira comarcal, que facilitará o desprazamento a traballadores ou estudantes, así como das persoas que teñan que acudir a centros sanitarios.

Na nota de prensa coa que explicou os novos horarios, Renfe subliñou que a mellora da frecuencia no servizo responde “ás necesidades dos usuarios da comunidade galega” e é froito dos grupos de traballo “con alcaldes da Mariña lucense, Ortegal, Ferrolterra, a Xunta de Galicia e Adif”.

Con todo, a entidade descarta implantar cambios a curto e medio prazo que beneficien á Mariña; nin está previsto alongar ata O Vicedo ou Viveiro o servizo que vén de dotar con mellores horarios, nin se aumentará a frecuencia dos servizos Viveiro-Ribadeo.

CIDADE LINEAL

Tanto a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo coma os alcaldes da bisbarra realizaron estas peticións nas sucesivas reunións con Renfe. A negativa supón unha derrota na aspiración de revitalizar o tren, pois significa que, alomenos a curto e medio prazo, A Mariña non contará cun tranvía de proximidade.

renfe desatendeu a petición de ampliar horarios na mariña ou de estirar a liña ferrol-ortigueira a viveiro

É unha mágoa, porque A Mariña podería beneficiarse coma ninguén dese servizo”, resumen fontes da plataforma, que valora os cambios introducidos por Renfe na liña Ferrol-Ortigueira-Ferrol porque os novos horarios “son bos para cubrir as necesidades básicas dos estudantes e dos traballadores. Pero non estamos contentos porque se deixou á marxe á xente de Mañón, do Barqueiro ou da costa de Lugo”, aseguran.

O alcalde de Burela e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, o socialista Alfredo Llano, lamenta que non se atendera unha demanda que fixo “en varias reunións da comisión de seguimento”, e que ofrecería unha solución a “moitas persoas que se teñen que desprazar para estudar, traballar ou ir ao hospital”.

DEMANDA

Renfe argumenta os cambios nos horarios en base a “moitos factores”, entre os que resalta “análises da demanda” -o tren de cercanías conectará unha poboación dunhas 200.000 persoas– e “a reclamación das institucións, que fixeron chegar a Renfe as inquedanzas dos veciños e froito diso tentáronse mellorar os servizos de ancho métrico”.

“a mariña é unha cidade lineal. o tren sería bo para turistas e veciños. cun bo servizo hai clientes”, argumenta a plataforma

Falta demanda na Mariña? A plataforma sinala que non. “É unha cidade lineal. Está clarísimo que cun bo servizo haberá clientes”, argumenta, para lembrar que “moitos mariñaos estudan en Ferrol e beneficiaríanse de que o servizo chegase a Viveiro”.

As obrigas de servizo público (OSP), que responden á necesidade económica e social de facilitar a mobilidade dos cidadáns residentes en territorios segmentados avalan tamén a creación dun tren de cercanías na bisbarra.

“MENOR PRESIÓN” SOCIAL E INSTITUCIONAL

Así, a plataforma entende que a menor presión cá exercida en Ferrolterra e Ortegal pode ser unha das causas, dado que Renfe, “amparada nas OSP, limita moito os investimentos”.

O colectivo expón que, ao longo dos últimos anos, a demanda de melloras na liña de Ferrolterra e Ortegal tivo un respaldo máis unívoco por parte das administracións locais que a do tren mariñao, o que achaca a “unha cultura do tren máis arraigada”.

o presidente da mancomunidade concede que “botouse en falta máis apoio” na reclamación de melloras no tren

Llano resalta que “sempre houbo representación institucional” por parte da Mariña, pero concede que faltou unidade na reivindicación. “Trátase dun ben común e botouse en falta a máis alcaldes do PP a presionar para o tren, que é unha infraestrutura que nos pode beneficiar a todos”, expón.

REVITALIZACIÓN DO SERVIZO

Que oportunidade perde A Mariña? A dun tren “que podería ser utilizado polos mariñaos e polos turistas”, indican desde a plataforma, e que permitiría aforrar custos en transporte e mesmo en alquileres.

A falta de datos concretos, Renfe estima que “todo apunta” a que o resultado dos novos horarios será “un aumento da demanda”.

Alomenos trátase dun estímulo para un servizo aqueixado de numerosas penurias –incendio de vagóns, supresións ou retrasos, falta de interventores, vías nas que se circula a 30 quilómetros por hora- que varias voces vían “intencionadas” para “expulsar aos clientes”.

sen datos concretos, renfe asegura que “todo apunta a un aumento da demanda” tralo aumento de frecuencias

A liña Ferrol-Ribadeo, de feito, rexistra o “30% das incidencias” do Estado.

Os usuarios perciben que hai menos supresións e menos avarías nas máquinas, polo que entenden que tralo cambio de Goberno “hai unha maior preocupación ou un maior interese”, explican desde a plataforma.

En todo caso, queda unha longa batalla por recuperar aos usuarios que desertaron. “A confianza gáñase lento e pérdese rápido. O cravo do ataúde do tren será que continúe o mal servizo; que non haxa persoal, que a xente chegue tarde ao traballo”, indican desde a plataforma.

Na Mariña, por agora, a frecuencia do servizo será outro problema e non unha solución.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...