O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) abriu un escenario insólito ao ordenar a repetición das eleccións municipais nunha mesa do Perdouro en Burela.
Os maxistrados estimaron o recurso presentado por Burela Sempre, que pedía unha nova convocatoria ao extraviarse os seis votos nulos que figuran na acta de escrutinio trasladada á Xunta Electoral de Mondoñedo.
A resolución xudicial abre unha situación singular que, con todo, ten precedentes noutros puntos do Estado. Nas pasadas eleccións locais de 2015, repetíronse os comicios en catro localidades: Tébar (Cuenca), Dúrcal (Granada), Hurones (Burgos) e Llánaves de la Reina (León) que, iso si, non superaban os 100 habitantes.
Tampouco tiveron a transcendencia política dunha nova convocatoria en Burela, onde os resultados das eleccións parciais decidirán se o BNG mantén os seus tres concelleiros na corporación municipal ou se, pola contra, Burela Sempre consegue representación.
O Xornal da Mariña tenta resolver as preguntas máis comúns sobre o novo proceso electoral que haberá no municipio.
QUEN TEN QUE VOLVER VOTAR?
Dacordo coa doutrina da Junta Electoral Central, baseada nas Instrucións emitidas en casos de eleccións parciais por resolucións de nulidade, empregaríase o mesmo censo electoral que nos comicios do pasado 26 de maio.
o censo será idéntico, con 630 votantes. non poderán votar quenes cumprisen ou cumpran os 18 anos desde o pasado 26 de maio nin novos empadroados
Isto significa que nin aquelas persoas que cumprisen os 18 anos desde a celebración das pasadas eleccións locais nin quenes cumpran a maioría de idade antes da nova data, por concretar, terán dereito ao voto. Tampouco novos veciños de Burela que se empadroasen no municipio durante este período.
COMO SERÁ A COMPOSICIÓN DA MESA?
Os precedentes apuntan que as seccións, locais e mesas electorais serían tamén as mesmas que as marcadas para as eleccións que se celebraron hai un mes.
O principio que rexe as convocatorias para repetir o acto de votación prioriza manter as condicións nas que se celebraron os comicios que veñen subsanar.
a composición das mesas electorais tampouco variará. priorízase manter as condicións nas que se celebraron os comicios
PODERASE VOTAR POR CORREO?
O electorado poderá exercer o seu dereito de sufraxio coas mesmas garantías que en calquera convocatoria. Os censados que non poidan votar persoalmente poden emitir o seu voto por correo, previa solicitude á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.
QUEN CONVOCA AS ELECCIÓNS E COMO SE TRAMITAN?
O procedemento formal iníciase cun Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros que, a proposta do Ministerio de Interior, marca a data da nova convocatoria. O acordo publícase no Boletín Oficial do Estado (BOE) con 55 días de antelación á data fixada para a repetición das votacións.
CANDO SE FIXARÁ A DATA?
A sentenza do TSXG establece un prazo de tres meses para a repetición electoral, o que situaría o límite no 28 de setembro. Os citados requerimentos formais demorarían a nova convocatoria un mínimo de 55 días, o que adiaría a repetición ata setembro.
os requerimentos formais demorarían a nova convocatoria un mínimo de 55 días, o que adiaría a repetición ata setembro
HABERÁ DE NOVO CAMPAÑA?
Hai exemplos de instrucións e resolucións nas que se argumenta que só procede unha nova campaña cando o proceso electoral se repite integramente por non presentarse candidaturas.
Outros acordos da JEC apuntan que as campañas electorais se repetirán cos mesmos prazos e condicións que nunha votación ordinaria.
AFECTARÁ Á DEPUTACIÓN?
Segundo a Ley Orgánica del Régimen Electoral General (Loreg), a constitución das Deputacións “debe aprazarse ata que se resolvan os recursos contencioso-electorais interpostos contra a proclamacion de concelleiros electos nos municipios da provincia”.
A norma engade que “no caso de convocarse novas eleccións nalgún municipio da provincia, por non presentarse ningunha candidatura ou por anularse total ou parcialmente o proceso como consecuencia de recursos contenciosos-electorais, non se posporá a constitución da Deputación“.
A LOREG DI QUE “AS NOVAS ELECCIÓNS NON posporáN a constitución da deputación”, malia que mesmo desde san marcos expuxeron dúbidas
Engade que “se na celebración das eleccións parciais se altera a atribución de postos na Deputación Provincial, as Xuntas Electorais de Zona deberán realizar as operacións necesarias para facer unha nova asignación”.
Con todo, ante a singularidade do proceso que se abre, a Deputación de Lugo decidiu transladar á Xunta Electoral unha consulta sobre a celebración do seu pleno de constitución.
A entidade provincial argumenta as dúbidas en que, ao non estar constituída a corporación de Burela, ningún dos seus concelleiros poderían participar na votación ou postularse como candidatos.
CABE RECURSO CONTRA A RESOLUCIÓN DO TSXG?
A resolución concreta que a “sentenza é firme e que non caben contra ela recurso ordinario algún”. Si que podería presentarse un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.