PSdeG-PSOE e BNG anunciaron a través dun comunicado, novamente conxunto, o reparto das áreas delegadas do goberno de coalición que rexerá o municipio de Foz. O alcalde, o socialista Fran Cajoto, levará as delegacións de obras, urbanismo, servizos, seguridade cidadá e facenda.
O primeiro tenente alcalde, o nacionalista Xavier Fanego, ocuparase das áreas de patrimonio, medio ambiente, medio Rural e mar.
A segunda tenente de alcalde, a socialista Inés López Couto, ostentará as competencias de emprego, innovación e administración electrónica e transparencia. Tamén se ocupará das do alcalde en ausencia deste.
Héctor Moris (PSOE), ocuparase de cultura, educación e festas. Pertence á Xunta de Goberno.
Ana Rojo, tamén socialista, levará asuntos sociais e familia.
A nacionalista Gemma Méndez ocuparase de deportes e xuventude. Estes seis edís formarán parte da Xunta de Goberno.
Chema Linares, concelleiro con delegacións especiais, ostentará comercio, turismo e actividades económicas.
Carlos García (PSOE), concelleiro con delegacións especiais, terá as competencias en relacións institucionais e comunicación.
Concelleira con delegaciones especiais, Verónica Peña será a delegada de muller, igualdade e inmigración.
O concelleiro do BNG Iago Villamil non terá finalmente tarefas de goberno.
MENSAXE DE “TRANQUILIDADE E CONFIANZA”
Despois de quince días dende a toma de posesión da nova corporación que saíu das eleccións municipais, o goberno focego sinala que realizou “unha amplia ronda de contacto cos traballadores do Concello” e recibiu “a todos os cidadáns que o solicitaron”.
O equipo de goberno, que agradece a “excelente disposición” dos traballadores municipais, quere transmitir “unha mensaxe de tranquilidade e confianza á veciñanza”, xa que, asegura, ” os cambios teñen os seus tempos e moi pronto veranse os seus froitos”.
DEDICACIÓNS
O goberno de Foz non avanzou por agora as dedicacións que disporá no seguinte mandato. Coñeceranse no pleno de organización, o xoves (20.30 horas).
Na anterior lexislatura só o alcalde, o popular Javier Castiñeira, tivo unha dedicación, exclusiva.