Fran Cajoto tomou posesión este sábado como novo alcalde de Foz, co respaldo dos sete edís do PSdeG-PSOE, dos tres do Bloque Nacionalista Galego (BNG), formación coa que os socialistas gobernarán en coalición, e do concelleiro de Foz Plataforma de Futuro (FPF), Víctor Couto. O Partido Popular (PP), con seis representantes, votou en contra, polo que o rexedor tivo 11 de 17 apoios.
Cajoto agradeceu a confianza dos cidadáns para facer que comece “unha nova época. Agárdanos un futuro espléndido que temos que construír entre todos os focegos. Traballaremos arreo por todos e cada un dos veciños de Foz”, expuxo o rexedor, que agradeceu o apoio dos nacionalistas para a súa investidura.
O primeiro edil focego prometeu “diálogo” e “consenso. Ninguén sobra no proxecto socialista. Queremos que os veciños de Foz sumen e acheguen as súas inquedanzas para conseguir un Concello máis accesible e plural, dignificando, deste xeito, a política. Imos contar coas forzas políticas, cos diferentes sectores, axentes económicos e sociais do municipio para implicalos nos proxectos do cambio”, concluíu.
MASEDA, SOBRE O BIPARTITO: “TEMOS IDEAS SEMELLANTES”
No Valadouro, o PSOE gobernará tamén conxuntamente co Bloque. As forzas que lideran Edmundo Maseda e Eduardo Chao chegaron a un acordo e continuarán coa súa tarefa catro anos máis.
O socialista agradeceu ao BNG o seu apoio e salientou que “no fundamental somos dous partidos con ideas moi semellantes e estou convencido que imos entendernos perfectamente co único obxectivo de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.