A historia da Romaxe Viquinga do Vicedo foi a dun despegue meteórico. A festa, que naceu despois de que un equipo de arqueólogos excavase o xacemento dos Moutillós, na praia de San Román, coa premisa principal de que se trata dun antigo asentamento normando, cumpre este verán catro anos. Apenas catro capítulos que -con todo- foron abondos para que a celebración se fixese un oco entre as festas de época máis multitudinarias da Mariña Lucense. O alcalde, o popular Jesús Novo, fala dun evento que supón unha das grandes apostas do Concello.
P. Xa está todo listo?
Si, temos todo listo. Ao ser festivo o día 25 houbo que deixalo todo feito con anterioridade. Agardamos que a xente o pase ben e desfrute. E para iso, que o tempo acompañe; dan nubrado, que mentres que non chova case é preferible a unha calor excesiva.
Son catro anos de Romaxe Viquinga, pero semella que levase máis tempo. Converteuse na principal festa do Vicedo?
O Vicedo conta con eventos moi diferentes, que non son comparables, pero é verdade que neste momento é o máis multitudinario. Temos a Festa do Turismo do Rural, que en función de se está mellor tempo ou non podemos xuntar a 1.000 ou 1.200 persoas. Isto é diferente. Na Romaxe Viquinga houbo entre 6.000 e 7.000 asistentes o ano pasado e este esperamos que veña alguén máis. A medida que se vai consolidando atrae máis xente.
“o ano pasado houbo entre 6.000 e 7.000 asistentes e para esta edición agardamos algúns máis”
NOVIDADES
Para consolidar unha festa hai que ofrecer cousas novas. Cales son as novidades desta edición?
Unha das novidades é que o venres haberá uns Cantos de Taberna, ao terminar o pregón e as pelexas viquingas polas rúas. Complementarán a ruta de tapas.
Hai outra novidade, e é que teremos a Pulpería Mario, que supoñemos que xa de por si atraerá xente, porque encanta este restaurante ambulante para comer o polbo. Así ofrecemos unha posibilidade para quedar in situ e non desprazarse e seguir o programa de actividades, que é constante.
“este ano teremos con nós a pulpería mario, que á xente lle encanta e que permitirá comer sen perder actividades do programa”
PREGOEIRO
O pregón foi protagonizado o ano pasado por Antonio Durán, ‘Morris’. Este ano será cousa de Serxio Pazos, outro coñecido actor.
Non obstante Morris dixo que quedou encantado e avisou de que igual viña, de que estará preto e que igual se achega. O ano pasado participou nas actividades do sábado e foise moi contento. Este ano será Serxio Pazos, que non sabemos o que preparará, pero que nos pediu información sobre a festa, sobre a historia que hai detrás (refírese ao xacemento dos Moutillós) e tamén sobre O Vicedo.
DESEMBARCO
O desembarco, o sábado pola mañá, é o momento central da festa. Coordina a empresa Queiman & Pousa e participarán figurantes da serie ‘Vikingos’.
Non é que lle deamos máis protagonismo, pero si é o evento ou acto que máis xente trae. Hai outros momentos como o as vodas viquingas, o torneo medieval ou o espectáculo de lume que son espectaculares.
Este ano coincide a marea perfecta para o desembarco, subindo. Se está baixa o barco vara e hai que empurrar por el, é grande e non é livián. Ademais non dan nada de vento, co que a embarcación será máis manexable.
“dímoslle a serxio pazos información sobre a festa, a historia que hai detrás dela e sobre o vicedo, pero non sabemos que preparará para o pregón”
Cada ano vaise perfeccionando.
Empezamos cun chalano no que collían catro persoas, agora temos un bote salvavidas de 21 prazas redecorado para a ocasión a imitación dun barco viquingo.
O enterro viquingo tamén se afianza.
É a continuación da batalla. Morre o viquingo na praia e faise o enterro. Este ano, como novidade, temos un barco viquingo pequeno para queimalo. Vaise facendo máis completo e é moi vistoso por ese ritual do lume na noite.
Destaca o espectáculo de lume.
Vin varios espectáculos de lume, pero non vin nada igual que o deste rapaz. Fai ‘virguerías’. Tamén gustan moito as batallas medievais, que están moi ben feitas, por xente moi profesional e que parecen verdadeiras.
APOSTA
O Concello aposta forte pola Romaxe Viquinga, mesmo reservando unha parte do Plan Único da Deputación.
Si. É unha festa que foi indo a máis e xa é para que quede arraigada no Vicedo, porque está a dar bo resultado. Poñemos o municipio no mapa turístico e cultural.
“reservamos unha cantidade do plan único e queremos rentabilizar ese diñeiro. por agora deu froito”
Para custeala utilizamos parte dos fondos que nos corresponden Plan Único da Deputación, unha cantidade superior aos 30.000 euros. Obviamente, tentamos rentabilizalos ao máximo, porque deixamos de dispoñer dese diñeiro para facer outras cousas, e creo que nos está a dar froito. A Xunta non colabora con nós economicamente, ao non ter a declaración de Interese Turístico Galego, pero si nos facilitou presentar a festa na Casa de Galicia de Madrid.
Imaxino que teñen esa declaración entre cella e cella.
Traballamos con ese obxectivo, pero de momento é impensable. Faltan como mínimo seis anos, pois hai que ter unha antigüidade de dez. Pero desde logo que é a nosa intención.
“a implicación da veciñanza é vital. as mulleres de san román ou os cabaleiros rías altas participan activamente”
O Concello impulsou a festa, pero supoño que para que perdure será fundamental a implicación dos veciños.
Si. Sempre a houbo. De feito, nos inicios levou tanto peso ou máis có Concello a asociación de comerciantes do Vicedo, que despois se desfixo. Temos a asociación de mulleres de San Román, que participan en varios actos na romaxe e durante todo o ano, porque esta festa require dun traballo de xente.
A asociación de cabaleiros Rías Altas participan activamente e pelexan pola festa, nunca mellor dito porque toman parte nas recreacións dos combates. Os remeiros son todos do pobo. Hai moita xente que se viste e se caracteriza. Agradecemos a todos eles e a Protección Civil e Garda Civil que axudan á organización a que todo saia ben.