A ministra de Industria en funcións, a socialista Reyes Maroto, recibirá o vindeiro luns en Madrid, a partir das 16.30 horas, aos traballadores de Alcoa San Cibrao, segundo anunciou este venres o comité de empresa ao remate da concentración do persoal, que cortou o tráfico durante media hora na N-642 para protestar pola situación do complexo industrial de Cervo, logo de que a multinacional reducise nun 11% a produción de aluminio.
Segundo expuxo o presidente do comité, Xosé Paleo, a reunión proposta polo Goberno central en Madrid non significa que Maroto descarte visitar San Cibrao, tal e como prometeu no pasado mes de agosto. Os traballadores queren que a dirixente do Executivo coñeza as instalacións e a bisbarra para ser consciente da importancia das factorías de alúmina e aluminio de Alcoa para A Mariña Lucense.
Á xuntanza, explicaron os sindicatos, “acudirá unha representación do comité de empresa que reclamará unha solución que garanta a continuidade da industria do aluminio e o futuro dos nosos postos de traballo“.
“O PEOR MOMENTO EN 40 ANOS”
Centos de traballadores participaron este venres na primeira protesta dun calendario de mobilizacións aprobado en asemblea ante “o momento máis perigoso da fábrica en 40 anos”. Os empregados reclaman un abaratamento da enerxía eléctrica, que supón segundo os sindicatos e maila multinacional o talón de Aquiles dunha fábrica que é “das máis eficientes do mundo”.
Paleo entende a quenes ven o conflito do Casón coma o momento máis complicado da historia da fábrica cervense, pero resalta que naquela época “non había un problema que cuestionase a viabilidade futura da planta, como si o hai agora, porque aínda que hoxe só están paradas 32 cubas, hai un risco moito maior de que o futuro se vexa máis comprometido”.
O prezo da enerxía “non está igualado ao doutros países da Unión Europea, como Francia ou Alemaña“, asegura Paleo, o que “limita o futuro a curto prazo“.
Sobre o estatuto do consumidor electrointensivo, comprometido polo Goberno central desde o ano pasado pero que non irá ao Consello de Ministros cun Executivo en funcións, Paleo expón que “o presentado nun inicio sen as alegacións non chega. Queremos un marco regulatorio da electricidade, saber a canto vai estar o prezo do megavatio a partir do 1 de xaneiro de 2020″.
EN MAREA PIDE LIBERAR AS COMPENSACIÓNS POR CO2
O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, que este venres viaxou ata Cervo para reunirse co comité de empresa da factoria que a multinacional Alcoa ten nese municipio lucense, suscitou como posible solución ao problema da enerxía a creación dun “novo estatuto eléctrico xeral”, que permita abaratar o custo de fornezo para empresas e familias.
“Propoñemos que o Goberno do Estado, que si que pode facelo, aínda que estea en funcións, libere os 208 millóns de euros para compensación dos custos de CO2 que para as grandes empresas tiña previstos tanto nos orzamentos de 2018, como nos orzamentos prorrogados de 2019″.
COReunión de Luís Villares e Pancho Casal, de En Marea, co comité de Alcoa. AXMSegundo Villares, esas axudas supoñerían unha baixada do prezo da enerxía ata os “50 euros do MW/hora“, o que significaría “aliviar” a tarifa que pagan as empresas electrointensivas polo fornezo.
A medio prazo, dixo, é “necesario un novo estatuto eléctrico xeneral para o conxunto do estado”, que supoña “o abaratamento da enerxía para a industria e para as familias”.
CONTRATOS BILATERAIS
“Como se fai isto? Sacando do pool eléctrico tanto á enerxía nuclear como á hidroeléctrica, e que iso se faga con mecanismos de contrato a medio prazo. Tamén permitindo que se fagan contratos bilaterais entre as empresas productoras e as grandes consumidoras de electricidade”, precisou o voceiro parlamentario de En Marea.
ARANCEIS Á IMPORTACIÓN DE ALUMINIO
Ao seu xuízo, “todo iso supoñería unha estabilización dos prezos e unha baixada. Tamén permitiría abaratar o prezo para as distribuidoras que son as que serven enerxía aos fogares“, salientou.
Villares tamén suscitou a necesidade, xa no ámbito internacional, de “establecer aranceis ambientais á importación de aluminio, porque países como Arabia Saudita están facendo dumping cos prezos. Xeran aluminio co consumo dunha gran cantidade de enerxía fósil, derivados do petróleo, sen pagar ningún tipo de taxa ambiental, algo que si sucede en Europa”, aclarou.