InicioEconomíaAlcoa afirma que a caída "do 90%" dos ingresos por interrompibilidade fai...

Alcoa afirma que a caída “do 90%” dos ingresos por interrompibilidade fai “inviable” o aluminio en San Cibrao

A empresa sostén que a poxa "agudiza a posición non competitiva" da planta da Mariña; asegura "analizar a situación" e non ter "tomado decisións", pero xa non presiona ao Goberno

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa cifrou este xoves nun “90%” a “caída dos ingresos” na poxa de interrompibilidade celebrada esta semana con respecto á anterior subasta, na que obtivo 200 MW. Sen confirmar a cantidade adquirida, a multinacional sinala que a redución no valor obtido nesta subasta “empeora a situación da planta de aluminio de San Cibrao“, xa que terá “un impacto inmediato” nos seus custos de enerxía a partir do 1 de xaneiro. Así, conclúe en que a produción de aluminio primario en España “é inviable con este custo da enerxía”.

Cunha redución da potencia a subastar de 1.340 MW e unha fragmentación dos bloques, pois elimináronse os lotes de 40 MW -puxéronse á venta 200 paquetes de 5 MW-, a poxa de interrompibilidade para o primeiro semestre do ano reparteu 4,38 millóns, cun prezo medio de asignación de 8.764 euros/MW e ano. Este precio medio supón un recorte do 90% con respecto aos 81.220 euros/MW/exercicio asignados no pasado mes de xuño.

Sen precisar por cantos bloques puxou e cantos acadou, Alcoa sinala que participou na subasta “co obxectivo de obter o maior valor posible” pero “a redución do 60% na potencia a poxar -de 2.340 a 1.000 MW-” casou unha “dura competencia” que ofreceu “un valor significativamente inferior” ao de convocatorias anteriores, de xeito que a situación da planta de San Cibrao, a única produtora de aluminio primario en España na actualidade, “empeora, xa que terá un impacto inmediato nos seus custos de enerxía a partir do 1 de xaneiro”.

Neste sentido, sinala que o resultado da subasta “agudiza aínda máis nosa posición non competitiva con respecto a países veciños da Unión Europea, onde os respectivos gobernos estableceron marcos enerxéticos estables para que esta industria teña un custo da enerxía predecible e competitivo”.

CIFRA O CUSTO DO MW/h NO 2020 EN 58,6 EUROS

Así, Alcoa amosa un gráfico no que calcula o custo da enerxía no primeiro semestre de 2020 en 58,6 euros/MW hora, lonxe dos entre 35 e 40 euros reclamados para garantir a continuidade da fábrica de aluminio, altamente dependente da electricidade, que supón o 40% dos gastos de produción.

No gráfico Alcoa cifra a rebaixa do prezo da luz que supuxeron as compensacións por custos de emisións indirectas de CO2 nas dúas últimas anualidades; no 2018 supuxeron unha rebaixa de 3,5 euros (de 54,5 a 51 euros/MWh) e no 2019, cando segundo o Executivo central a multinacional percibiu 25 millóns nesta materia, unha redución nos gastos de 6,8 euros (de 54,3 a 47,5 euros/MWh). A rebaixa do custo pola prestación do servizo de interrompibilidade está incluída no dato final.

Gráfico achegado por Alcoa sobre o prezo da enerxía. AXM

“Con este custo de enerxía, a produción de aluminio primario en España é inviable”, sinala Alcoa, que asegura estar “analizando a situación” e “o seu impacto nas operacións“. A empresa afirma que “non se tomou ningunha decisión“, pero preguntadas pola posibilidade de tomala nas próximas semanas, responden que “aluminio perdeu no 2018 48 millóns, no 2019 perderá entre 50 e 60 e a situación será peor en 2020”.

CUESTIONA A “VONTADE” PARA ATOPAR SOLUCIÓNS

Ademais, semella que Alcoa baixa os brazos á hora de presionar ao Executivo. No comunicado emitido pola multinacional non se reclaman esta vez, como nas anteriores ocasións, medidas urxentes ao Goberno central para aliviar o prezo da enerxía. Preguntadas pola situación, fontes de Alcoa dirixen as súas críticas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e aseguran que as alternativas para aliviar o prezo da luz “están en vigor noutros países da nosa contorna e son por todos coñecidas, pero ten que haber vontade para implantalas”.

Con respecto á mesa de seguimento polo futuro da planta, prevista para 15 de xaneiro, Alcoa asegura descoñecer “que perspectivas pode ter a empresa nese encontro”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...