A axenda cultural e de ocio na Mariña para esta fin de semana mestura eventos gastronómicos, mostras folclóricas internacionais ou celebracións etnográficas.
ALFOZ
A Festa dos Chóferes, que honrará un ano máis ao patrón dos condutores, San Cristovo, convida a desfrutar da música e da acampada. O venres arrincará o programa coa actuación de Los Españoles e MicroDisco Fabric. O sábado haberá sesión vermú con Costa Dorada, que actuará pola noite co trío Bull Black Show. Para o domingo queda, desde as 13.30, a misa e a bendición dos vehículos.
BARREIROS
O Festival do Emigrante ofrece unha dobre cita. O venres haberá foliada popular, desde as 21.30 horas. O sábado será o festival folclórico internacional, con grupos de Tailandia, Siberia e Serbia, ademais da agrupación Arco da Vella. Comezará ás 22.00 horas, no campo de fútbol das Valgas.
Brúa continuará este venres -desde as 23.00 horas, con posterior queimada- o programa de concertos do Cámping Gaivota. O Eido Dourado acollerá o domingo -22.30- a actuación das Tanxugueiras.
BURELA
A Feira do Bonito, que cumpre a súa trixésimo cuarta edición, repartirá o sábado 3.500 racións do túnido –á grella, cocido e en empanada– e 1.000 tapas de salpicón, ademais doutras 1.000 de marmitako, o domingo. Fernando Romay pregoará o evento, que contará con varios e diversos eventos paralelos durante a fin de semana.
Así, a feira Produart xuntará 62 postos de produtos artesáns e ecolóxicos. Abre na tarde do venres, ás 17.30 horas. A mostra de cinema marítimo Ultramar proxectará varias películas e documentais relacionadas co medio mariño. O certame de pintura mural Amarte congregará no porto burelés a dez artistas. Haberá tamén un torneo de baloncesto 3×3.
CERVO
O Bordelo impulsa a décimo oitava edición das Veladas de Teatro, que ofrecerá catro representacións durante a fin de semana, así como aperitivos artísticos, como concertos ou monólogos. Ademais, este sábado o programa teatral coincidirá coa celebración dunha exaltación do lacón cocido -a mediodía- e unhas vodas meigas pola noite.
San Cibrao acollerá o sábado a quinta edición da Baixada do Faro de longskate, que organiza o Club Limosa Surf. A proba comezará ás 10.00 horas, coas finais previstas para as 18.00 horas. O colofón da proba será o concerto, ás 20.00 horas, do grupo mariñao Miss Lane And The Kryptonias.
FOZ
O club de baloncesto Celtas de Foz exalta a zorza, con racións a seis euros, que inclúen pan, viño e queixo con marmelo de postre. Será o sábado, ás 20.00 horas, ao pé do Cenima.
O VALADOURO
A Rapa das Bestas de San Tomé, que organiza a comunidade de montes de Xestaca e Grandavella, é a última das que se celebran na Mariña. A baixada dos cabalos ao curro está prevista para as 11.00, e despois procederase á corte das crins e ao marcado dos animais. Ademais, o programa inclúe xogos populares e carreiras pola tarde, con premios en metálico, e unha sesión vermú co Dúo Estrella.
RIBADEO
Rinlo exaltará o seu percebe o sábado, na décimo quinta edición da degustación gastronómica, que organiza a asociación Mariscadores Confraría de Ribadeo xunto ao Concello, coa colaboración da Xunta. O reparto comezará ás 12.00 horas, coa ración a 13 euros.
Os amantes do folclore teñen o unha cita coa Xira de Santa Cruz. O sábado, Randeiros do Eo pronunciarán o pregón, no cine teatro, e haberá actuacións musicais. O domingo subirase a Santa Cruz para unha xornada de xantares campestres e moita música tradicional no Día da Gaita.
RIOTORTO
O Concello de Riotorto recupera a Festa Celta, que se celebrará este venres na Praza das Rodrigas, desde as 22.00 horas. Haberá unha degustación gastronómica de comida caseira e concertos, a partir das 23.00. Actuarán Faíscas da Pontraga, Gaiteiros de Riotorto, Grupo Zamburiel e A Legua Dereita.
VIVEIRO
Beer-veiro convida a desfrutar durante o venres e o sábado da cervexa artesá nos xardíns de Noriega Varela. O programa do festival inclúe talleres e concertos, e tamén haberá food trucks para xantar ou cear. Atenden de 12.00 a 01.00 horas.
A Mostra Folclórica Internacional de Viveiro cumprirá 40 anos e abrirá un ano máis as festas patronais do San Roque. O sábado, ás 12.30 horas, será o desfile das nacións pola cidade e ás 22.00 a praza acollerá un concerto especial polo 60 aniversario de Bágoas da Terra, entidade organizadora. O domingo, desde as 20.30 horas, grupos de Panamá, Tailandia, Kenia, Rusia, Serbia e Galicia ofrecerán un mosaico de culturas na Praza Maior.