A Plataforma da Defensa da Sanidade Pública da Mariña emitiu este xoves un comunicado no que ofreceu a súa resposta á comparecencia do conselleiro de sanidade no Parlamento, na que o responsable do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jesús Vázquez Almuíña, anunciou “melloras” que a Xunta de Galicia “vai acometer en 2020”.
Na provincia de Lugo, Almuiña destacou que os hospitais de Monforte e da Mariña contarán con cadanseu laboratorio multicéntrico, que substituirá os tres laboratorios actuais que hai en cada centro; e tamén a implantación nestes distritos do programa Hermes de citas preferentes.
COMPARECENCIA NO PARLAMENTO A UNS DÍAS DA PROTESTA
Almuíña apelou ao remate da fase 1B do Plan director do Hospital da Mariña e a licitación do proxecto técnico de execución das fases seguintes do plan director, de acordo ao novo plan funcional. Así mesmo, salientou o inicio en xaneiro da obra de reforma de substitución de carpintería exterior e mellora de envolventes térmicas cun importe de adxudicación de 1,8 millóns de euros. Entre outras actuacións a realizar, destacou a reforma de espazos nos servizos de urxencias e un programa de fisioterapia para pacientes crónicos.
A plataforma sanitaria da Mariña manifesta que, ainda que é moi boa nova a “reforma de espazos existentes“, máis non anunciou nen un só servizo dos “máis e mellores” que prometeu a Xunta de Galicia “a través do seu delegado territorial, José Manuel Balseiro. Comprendemos que lle entren agora as présas ante a inminencia das eleccións galegas, que os colle co traballo sen facer e cun movemento de contestación social moi importante, pero consideramos insultantes as declaracións do conselleiro cando di que “a Xunta continuará apostando polos hospitais comarcais”.
En relación á reforma de espazos en urxencias e ao laboratorio multicéntrico “queremos aclarar que toda remodelación que mellore os espazos e os servizos existentes merece os nosos parabéns ao Goberno que o acomete, máis seguimos sen falar dun só novo servizo ou dotación de nova creación”, comentan desde o colectivo.
FISIOTERAPIA
“Fala tamén o conselleiro dun programa de fisioterapia para pacientes crónicos, que agardamos non sexa igual que o que implantaron cando fixeron o concerto con empresas privadas, para derivar os casos crónicos que precisaban fisioterapia, co resultado de rescisión do convenio por parte da empresa sen avisar aos pacientes, aos que deixaron colgados con tratamentos sen finalizar”, indica a coordinadora da plataforma.
“Se queren implantar una programación en condicións que revisen a hemeroteca porque desde este colectivo xa lles demos as pautas acerca de cómo acometelo”, salienta a plataforma.
A SANIDADE EMPEOROU NUN ANO “DE FORMA MANIFESTA”
Desde a última manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, hai exactamente un ano, a situación da sanidade pública “empeorou de forma manifesta”, expón a agrupación, “e mesmo xurdiron novos colectivos sanitarios que se sumaron ás denuncias públicas que se veñen facendo, polo que xenera bastante desconfianza nos colectivos e na poboación a gran cantidade de medidas que vai tomar xusto agora, á desesperada e cunha cita electoral ás portas. Cheira moi mal e non se pode engañar á xente por máis tempo”, conclúen.
AUTOBUSES
A Plataforma Sanitaria da Mariña fletará dous autobuses para acudir o vindeiro domingo día 9 de febrero á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela.
Sairá un autobús de Burela ás 8:30 horas da estación de autobuses. Fará una primeira parada en Foz, na estación de autobuses ás 8.45 horas, para continuar cara a Valadouro, onde fará outra parada ás 9.00 horas na Praza de Santa María. A última parada deste itinerario será en Alfoz, diante do bar Rodolfo, ás 9.10 horas.
O segundo autobús sairá da estación de autobuses de Ribadeo ás 8.45 horas e fará una única parada no Asador de Barreiros ás 9.00 horas.
As persoas que desexen acudir a esta mobilización poden anotarse nos seguintes números de teléfono: 982.140.654, 982.58.18.61 e 667.05.20.58.
APOIO DA CIG E DO GOBERNO DE RIBADEO
CIG Saúde A Mariña mostrou o seu apoio á protesta, dado que “levamos dez anos de políticas sanitarias intencionadas do Partido Popular para recortar, para desmantelar, para centralizar a asistencia sanitaria en Lugo cidade e para privatizar pouco a pouco a sanidade pública e así facer negocio coa nosa saúde e beneficiar á medicina privada”.
A recuperación da Área Sanitaria “roubada” que nos permita ter capacidade de decisión sobre os nosos recursos humanos, materiais e infraestruturas; unha Atención Primaria Digna, porta de entrada ao sistema sanitario público galego; o rexeitamento á precariedade laboral e ás mordazas sanitarias son as razóns que alega o sindicato para respaldar a manifestación.
O Concello de Ribadeo amosouse tamén a prol da convocatoria “por unha sanidade pública na Mariña de calidade e proximidade”.