IniciosociedadeA plataforma sanitaria chama a manifestarse tras tramitar "máis de 1.500 reclamacións"...

A plataforma sanitaria chama a manifestarse tras tramitar “máis de 1.500 reclamacións” desde 2018

O colectivo fará balance en asembleas públicas dos servizos sanitarios no Hospital e atención primaria e fletará buses para a protesta a nivel galego contra os recortes, o 9-F en Santiago

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña tramitou máis de 1.500 reclamacións por deficiencias nos servizos sanitarios prestados tanto nos centros de saúde da comarca coma no Hospital da Costa, desde que puxo en marcha a unidade móbil de axuda coas reclamacións (Umar), en abril de 2018.

Así o expuxo o colectivo nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Burela, na que fixo balance da iniciativa e na que mostrou o seu apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o 9 de febreiro en Santiago de Compostela, partindo da Alameda ás 12.00 horas. A plataforma mariñá fletará autobuses desde a comarca para participar na protesta, contra os recortes na sanidade pública.

A Umar, estrutura que se desprazou polos distintos centros sanitarios da Mariña para informar aos cidadáns, resolver dúbidas e tramitar reclamacións sobre listas de agarda, derivacións ou outras incidencias, constatou esperas “de máis dun ano para cardioloxía, igual que en rehabilitación, ou máis de doce meses para consultas en reumatoloxía“.

Pediatría de familia, en relación coa falta de cobertura do persoal de baixa ou de vacacións, logopedia ou os atrasos para facer resonancias no sistema público foron outros dos servizos que, segundo a plataforma, motivaron reclamacións con maior frecuencia. “Malia tentativas de amedrentarnos por parte da dirección do Hospital”, expuxo o colectivo, “a Umar foi un éxito, pois a poboación da Mariña sabe da súa existencia e a maioría das reclamacións que rexistrámos resolvéronse en preto dun 75% de forma satisfactoria para o paciente“.

CUESTIONAN OS PROMEDIOS DE LISTAS DE ESPERA DO SERGAS

Respecto das cifras de listas de agarda ofrecidas polo Sergas, que cuantificou en 43,9 días a media de espera por unha operación e en 39 a tardanza por unha consulta, a plataforma considera que son unha falacia. “A Xunta só conta as persoas que están en listas estruturais, pero existen outras que chamamos B ou caixón, que non saen nos números, por iso eles presumen de datos e a poboación sabe que a realidade é distinta”, aseveran desde o colectivo.

“Se vas a pedir cita dirache que xa te chamarán”, expoñen, “polo que deste xeito non figuras dentro dos números ata que te convoquen. Daquela é cando comezas a contar para este tipo de estatísticas, polo que son datos falsos”, afirman. “Onde si diminuíuron as listas de espera foron en Povisa ou no Chuvi“, sinalan, “e hai que lembrar que neses datos da sanidade pública tamén inflúen as derivacións á sanidade privada“.

EIVAS NO HOSPITAL E ATENCIÓN PRIMARIA

No tocante ás eivas dos servizos sanitarios no Hospital, a plataforma cita a área sanitaria “roubada”; a falta dunha dotación de resonancia magnética nuclear (RMN) fixa, “así como de placas dentais, densitometría ósea, electromiogramas, electroencefalograma, consulta de cirurxía vascular“; a recuperación da implantación de marcapasos ou das intervencións de fimose infantil, así como a creación de prazas de logopedas, terapeutas ocupacionais, e a fin das derivacións a hospitais privados, facendo fincapé tamén na necesidade de retomar áreas privatizadas como o mantemento, as historias clínicas ou a provisión de materiais.

En atención primaria, reclaman fixar un cupo máximo de 1.250 tarxetas sanitarias, 800 en pediatría, e cubrir as ausencias do persoal en todas as categorías. Tamén a dotación de dous equipos completos para os Puntos de Atención Continuada (PAC) e a restitución do Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) suprimido na ambulancia medicalizada da Mariña Lucense.

EN XANEIRO, TRES ASEMBLEAS INFORMATIVAS

Por estas razóns, a plataforma chama a manifestarse o día 9 en Santiago. Quenes queiran obter máis información ou resolver dúbidas, poderán facelo en tres asembleas a celebrar na Mariña Lucense; o 23 de xaneiro en Barreiros (20.00 horas, centro sociocultural de San Cosme), o 29 e Viveiro (consistorio, mesma hora) e o 31 deste mes en Alfoz (centro sociocultural, tamén ás 20.00 horas). Tamén se realizarán repartos de folletos informativos nos mercados.

O colectivo convida á poboación da Mariña á protesta na capital galega, e fletará autobuses para facilitar o desprazamento a aquelas persoas que o requiran. Os interesados en reservar praza poden chamar aos números de teléfono 982.140.654, 982.581.861 ou 667.052.058; deberán deixar nome, cantidade de viaxeiros, localidade e un contacto. A data límite para anotarse é o 5 de febreiro.

POR UNHA ATENCIÓN PRIMARIA DIGNA TAMÉN PORÁ BUSES

A plataforma veciñal Por Unha Atención Primaria Digna tamén poñerá buses para a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública. O colectivo chama a manifestarse “contra os recortes de servizos, desmantelamento de hospitais comarcais e contra o abandono dos centros de atención primaria”.

Os teléfonos postos a disposición dos interesados en reservar praza son os seguintes: 618.49.53.29 e 660.98.57.45.

O SERGAS FALA DE “667 RECLAMACIÓNS” EN DOUS ANOS

Nunha rolda de prensa tamén celebrada na mañá deste mércores, programada para case á mesma hora e na que anunciaron a apertura do centro de saúde de Burela en quenda de tarde, representantes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofreceron cifras de reclamacións nos anos 2018 e 2019 na sanidade pública da Mariña, cuantificándoas en 328 e 339, respectivamente, cifras moi afastadas das ofrecidas pola plataforma, que resaltou que houbo días nos que a Umar tramitou varios centos de solicitudes.

Segundo o Sergas, durante este período realizáronse 113.000 consultas e unhas 5.500 intervencións, polo que a porcentaxe de reclamacións, argumentaron, “ten un peso ínfimo dentro da actividade sanitaria”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...