Boa parte do comercio da Mariña Lucense anticipouse o pasado venres ao peche obrigatorio, declarado pola Xunta de Galicia, que activou do estado de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
A media tarde do venres, antes da comparecencia do titular do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na que se anunciou a clausura de bares, cafeterías e restaurantes, Acisa Ribadeo recomendaba o peche dos establecementos aos seu asociados, chegando mesmo a repartir cartelería entre quenes se decantasen por esa opción. Para daquela, xa eran “moitos os establecementos que están anunciando que voluntariamente paran. Somos conscientes dos prexuízos que esta medida ocasionará, pero cremos firmemente no ben común, consideramos que é mellor pechar 15 días para conter esta enfermidade, que permanecer abertos e que a situación empeore causando maiores perdas económicas e humanas”, concluíu a agrupación.
OS CINES, TAMÉN PECHADOS
Tamén o Cine Ribadeo anunciou o peche das súas instalacións desde este venres “e ata novo aviso” pola crise sanitaria do coronavirus. Así mesmo, as salas de Viveiro cancelaron todas as proxeccións animando a pasar a fin de semana “con sofá, manta e revisando as vosas películas favoritas”.
“A dirección e os traballadores deste local non queremos sentirnos culpables nin responsables da posible transmisión do Covid-19 nas nosas instalacións. Tampouco queremos contribuír a colapsar os servizos sanitarios. Pola vosa seguridade e a do noso persoal pechamos as nosas portas ata novo aviso”, podía lerse na porta do restaurante ribadense Marinero. Roberto Rivas, o propietario do establecemento e do hotel Fogar do Mariñeiro, sinala que “ante a irresponsabilidade dos nosos gobernantes decidimos adiantarnos ás medidas, que estamos seguro de que chegarán dentro duns días, pechando as nosas instalacións tanto o hotel como o restaurante”.
En Burela, o titular do Traste e O Contraste, no centro da vila, anunciou a través de redes sociais na tarde do venres o peche, “na liña de coidar a saúde dos nosos clientes”. “Responsabilidade, civismo e saúde pública” foron os argumentos esgrimidos pola cafetería Doce Lecer, tamén da vila burelá, para paralizar a actividade.
Tamén optaron polas redes sociais para anunciar o parón negocios como Rolindes, en Viveiro, ou o Xoyma, en Foz, antes da decisión da Xunta. “É unha decisión difícil de tomar, pero confiamos en que estamos a facer o correcto por responsabilidade social”, advertiu a xerencia.
NAS SIRENAS A OCUPACIÓN CAE UN 40%
Os hoteis, que non teñen a obriga de pechar, notan as cancelacións. O complexo Las Sirenas, con 240 habitacións aínda que actualmente só está en funcionamento de toda a oferta o hotel Thalasso, con 146, “está ao 42%, cando a previsión era do 80%. Nunha situación normal diriamos que é unha catástrofe, pero tal e como están as cousas é o lóxico, porque o primeiro é a saúde”, expón o xerente, José Manuel Pereira.
O complexo hoteleiro valora o peche para as próximas semanas, pero por agora “é imposible porque se temos unha responsabilidade social coa saúde de todos, tamén a temos cos nosos clientes actuais. Non podemos deixalos na rúa”, expón. Pereira admite que “a nivel económico, profesional e laboral” o coronavirus vai supoñer “un quebranto enorme, pero nestes momentos hai que arrimar o ombro”. Especialmente dura pode ser para a vila de Viveiro unha posible cancelación da Semana Santa, de Interese Turístico Internacional e que reúne a 40.000 persoas, aínda non concretado. “Sería unha hecatombe económica pero sería tamén, probablemente, o mellor pensando en todos”.
No hotel Leytón de Foz, con 54 habitacións (120 prazas), a ocupación “non chega ao 1%”, segundo precisan desde a xerencia. Os clientes están chamando para realizar as súas cancelacións e cando a previsión durante o mes de abril era “dunha ocupación do 70%, con picos maiores durante a Semana Santa, non teremos probablemente ninguén e valorarase a opción de pechar”, concretan as mesmas fontes.
Varios grupos de maiores cancelaron as súas viaxes. “É normal; quen se mete nesta situación nun autobús de 55 prazas con persoas de 60/70 anos, que son das máis vulnerables? Loxicamente anulan”, aseguran.