Este venres rexistráronse as dúas primeiras altas de pacientes con coronavirus no Hospital Público da Mariña.
Unha delas é unha muller que permanecía desde hai semanas no centro hospitalario de Burela, usuaria da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, de Ribadeo. Así o confirmou a dirección da residencia ribadense, que recibiu á anciá a primeira hora desta tarde. Esta persoa permanecerá polo de agora en illamento por precaución, e a partir de agora será seguida polo persoal sanitario que leva os casos a domicilio.
Desde Mirador del Eo, onde se confirmara un positivo entre o persoal -logo de realizar probas a todos os traballadores- e outro entre os residentes, concretan que “estamos todos ben e sen síntomas”. O residente infectado permanece en illamento nunha habitación, ao igual que o empregado, neste caso no seu domicilio.
Desde Mirador del Eo agradecen o contacto ao longo destes días por parte do Concello e mesmo da residencia pública ribadense, así como o a colaboración do concelleiro popular Daniel Vega. Tamén o esforzo e o compromiso do persoal.
Así mesmo, unha sanitaria recibiu tamén a alta hospitalaria logo de que se cumprisen case dúas semanas con melloría desde que se diagnosticou o seu positivo, aínda que igualmente deberá primeiro permanecer uns días máis en illamento domiciliario e agardar o resultado dunha segunda proba PCR.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabilizaba na mañá deste venres, no último reconto oficial ofrecido, 23 persoas ingresadas, unha cifra que non variou desde o pasado día 2, con cinco delas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e 18 en plantas de hospitalización. Dentro desta estatística oficial non están computadas estas dúas altas, que se rexistrarán o vindeiro sábado.