A dirección de Sargadelos presentou este martes alegacións ante o Xulgado do Social nº 2 de Lugo contra a demanda interposta pola Unión Xeral de Traballadores (UXT), que solicitou a tutela administrativa para paralizar os despedimentos na planta de Cervo e acabar coa situación de “indefensión” da súa delegada na planta, Rogelia Mariña. A sindicalista foi sinalada polo conselleiro delegado, Segismundo García, por exercer, ao seu xuízo, unha “presión sindical” excesiva.
Trala presentación das alegacións, o conflito laboral queda en mans do xuíz, que decidirá se toma medidas cautelares -entre elas, o nomeamento dun administrador provisional– como solicitou a UXT ou se descarta dilixencias inmediatas ao considerar que non hai motivos que as sosteñan. O coordinador dos servizos xurídicos do sindicato, Pedro Blanco, confía en que “se adopten as decisións necesarias” e espera que haxa “novidades a finais desta semana”.
De non considerar o xulgado que é precisa a tutela xudicial, o xuízo celebrarase o 21 de outubro. Antes, o 11 de setembro, os avogados de Sargadelos están citados ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) para tentar atopar unha saída negociada ao conflito, algo que semella imposible.
A UXT CONFIRMA A CONVOCATORIA DE ASEMBLEA
Ese mesmo día, desde as 15.00 horas, celebrarase a asemblea de traballadoras forzada para votar a destitución ou continuidade de Mariña no seu cargo como sindicalista. A UXT confirmou onte esta convocatoria.
SEN DESPEDIMENTOS
A dirección da empresa, co conselleiro delegado de vacacións, tampouco executou ningún cesamento este martes. Polo de agora, Mariña, que o día 7 comezará un período de descanso, non puido incorporarse ao traballo e segue cun permiso retribuído.