InicioEn ProfundidadePreguntas e respostas sobre a situación de Alcoa San Cibrao

Preguntas e respostas sobre a situación de Alcoa San Cibrao

O Xornal da Mariña tenta responder algunhas cuestións clave tras anunciar a firma que quere iniciar un despedimento colectivo en aluminio con 534 obreiros afectados

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña tenta responder a algunhas preguntas clave tras anunciar Alcoa que ten intención de iniciar un despedimento colectivo que afectaría a 534 empregados dos 633 de aluminio, máis a varios centos de empresas contratistas. Un anuncio que caeu como un xarro de auga fría entre o persoal de San Cibrao e tamén na comarca da Mariña Lucense, onde o complexo industrial supón o sustento principal cuns 2.000 empregos directos -incluíndo no reconto as auxiliares- e varios centos de postos de traballo indirectos.

QUE PROPÓN ALCOA?

O que plantexa Alcoa é un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o cese da produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochos, lingotes e de parte da factura de placas de fundición. Segundo a multinacional, a medida afectaría a un máximo de 534 traballadores dos 633 da planta de aluminio, e incluiría arredor dun cento de prexubilacións.

O ERE non afectaría, nun principio, á planta de alúmina, aínda que os sindicatos dubidan de que poida ter unha vida longa de pechar aluminio, dado que produce principalmente para San Cibrao (un terzo da produción) e Noruega.

Ademais, a compañía recoñeceu aos sindicatos na reunión mantida que o recorte produtivo implicaría tamén a 150 obreiros de empresas auxiliares, unha cifra cuestionada pola coordinadora da representación sindical nas contratistas, que prevé, de saír adiante o despedimento colectivo, a perda de alomenos 300 postos máis de traballo.

QUE RAZÓNS OFRECE A EMPRESA PARA XUSTIFICAR A MEDIDA?

Alcoa argumenta que “problemas externos de produción e de mercado” fixeron que a produción de aluminio primario “sexa ineficiente”. Eses problemas estruturais inclúen os “altos custos de enerxía” e o “baixo prezo do aluminio” -estipulado no London Exchange Metal– que, xunto co “exceso de capacidade global”, causaron significativas perdas recurrentes, que se prevé que continúen.

A compañía asegura que prevé unhas perdas de 54 millóns de euros no exercicio 2020 para a planta de aluminio, para un déficit total de 165 millóns nos tres últimos anos. Con respecto á fábrica de alúmina, que en cursos anteriores paliou con beneficios a situación da “factoría irmá” no complexo industrial de San Cibrao, a multinacional non ofrece cifras. Limítase a afirmar que acabará tamén o ano en números vermellos.

O ANUNCIO É VINCULANTE?

Alcoa anunciou unha intención. A propia multinacional insistiu en que abre “un período de consultas informal” cos traballadores, que afronta “sen ningunha decisión tomada” e na que esperará, asegura, a que rematen as conversas para decidir se aplica medidas en aluminio e cales tomará. Así, fixou un prazo de negociacións cos sindicatos de “tres semanas“. Con todo, a compañía admite que non manexa por agora “ningún outro escenario posible“.

Ante a previsible negativa dos traballadores a aceptar despedimentos, algunhas fontes sindicais interpretan este anuncio ben como un órdago ao Goberno central para que acceda á rebaixa do prezo da luz que a multinacional reclama, ben como unha forma de procurar tramitar o ERE coa menor contestación social posible. Os sindicatos queixáronse de que Alcoa non presentase o despedimento colectivo na mesa multilateral convocada, coa presenza de Xunta de Galicia e Goberno central, e de que o faga en pleno estado de alarma, o que limita as opcións do persoal para realizar actos multitudinarios de protesta.

CANDO COMEZARON OS PROBLEMAS DE ALCOA COA ENERXÍA?

Nun número especial polo 20 aniversario da fábrica sancibrense, Alcoa advertía daquela que “de cada cen pesetas investidas na produción de aluminio, 30 corresponden á enerxía eléctrica”. O prezo da luz é de tal importancia para a planta que, no contrato de compra do grupo Inespal, no 1998, a multinacional impuxo ao Goberno do PP –nun acordo máis que lucrativo para os intereses da empresa– unha cláusula na que se estipulaba que toda subida do custo da electricidade nos anos sucesivos con respecto ao importe de referencia, debía ser asumida pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Coa eliminación no 2012 da tarifa G4, que beneficiaba a Alcoa entre un puñado de grandes consumidores de enerxía estatais, o Executivo central popular artellou o mecanismo da subasta de interrompibilidade, unha poxa na que as empresas electrointensivas se beneficiaban da disposición a interromper o subministro en caso de necesidade a cambio de pugnar por bloques de potencia, derivando a obtención de cantidades millonarias. Un mecanismo que algúns interpretan como unha “subvención encuberta” do Estado para evitar que o custo da electricidade se dispare, dado que Europa non permite as axudas directas.

O Goberno central socialista apostou por baleirar de contido esta poxa, argumentando unha posible sanción de Europa. Comprometeuse para compensar esta perda de suculentos beneficios a elaborar un estatuto das empresas electrointensivas, un documento que segue sen aprobarse, e á espera de que se teñan en conta as alegacións presentadas por sindicatos, empresas e Comunidades Autónomas.

HAI UN PULSO ENTRE ALCOA E O GOBERNO?

A incerteza sobre as compensacións económicas derivou nunha escalada de tensión entre Alcoa e o Goberno, en ocasións cos traballadores e a propia fábrica como reféns da empresa.

A multinacional parou 32 cubas no pasado agosto e recentemente renuciou a conservar a maquinaria de electrolise que chegase á súa vida útil, argumentando a necesidade de “reducir perdas”; esta última decisión provocou a suspensión de 45 empregos en empresas auxiliares. O Executivo central, pola súa banda, comprometeu en numerosas ocasións –a propia ministra de Industria, Reyes Maroto, prometeuno en San Cibrao en outubro– un estatuto das electrointensivas sobre o que nin sequera se pronunciou no tocante aos prazos este xoves, ante o anuncio da compañía.

As relacións son especialmente tensas co Ministerio de Transición Ecolóxica, que encabeza Teresa Ribera, a quenes algunhas fontes sindicais atribúen a política industrial do Executivo.

SEGUE A SER A ENERXÍA UN PROBLEMA?

Malia que o prezo da enerxía caeu en picado por mor da emerxencia sanitaria da Covid-19, moito por debaixo da contía máxima requerida pola multinacional, o custo da electricidade tamén baixou significativamente en países competidores, e os sindicatos insisten en que a luz é o único factor que prexudica a competitividade de aluminio.

CANTO DIÑEIRO PERCIBIU ALCOA EN AXUDAS?

Calcúlase que Alcoa recibiu só en materia de interrompibilidade máis de mil millóns de euros na última década, e 500 entre os anos 2015 e 2018.

No 2018, a empresa obtivo 95 millóns de euros en axudas -70 en materia de interrompibilidade e 25 en compensacións por emisións indirectas de CO2-, que caerían a un global de 33, nestes dous apartados, no 2019.

QUE INVESTIMENTOS REALIZOU ALCOA NOS ÚLTIMOS ANOS?

Cando Alcoa anunciou o peche da Coruña e Avilés, finalmente vendidas a Parter, os sindicatos alertaban da escaseza de investimentos por parte da multinacional en San Cibrao, o que impuña no complexo industrial de Cervo unha sensación de provisionalidade.

De feito, a multinacional argumentou “a obsolescencia tecnolóxica” de Avilés e A Coruña para proceder ao peche das fábricas, mencionando que nestes dous casos o factor da enerxía tiña “unha importancia menor”. Aínda que a tecnoloxía é distinta e máis moderna –Soderberg nas factorías vendidas, o recocido en Cervo- o persoal temía que en San Cibrao, nun curto-medio prazo, pasase o mesmo.

As melloras en San Cibrao, desde a eliminación das ventaxas no tocante á enerxía, no 2012, foron mínimas. En alúmina, o investimento meirande foi o do gasoduto, iniciado completado no 2015; tamén se substituíron muíños no departamento de dixestión.

En aluminio, os investimentos realizados fixéronse “porque non había outra”, segundo apunta un traballador veterano da empresa; apenas a renovación dun transformador avariado dos tres que había, “porque habitualmente úsanse dous e estabamos traballando cos dedos cruzados para que non houbese algún tipo de incidencia”.

É a pescada que se morde a cola; Alcoa négase a aceptar un mínimo compromiso de investimentos, mentres que o Goberno central négase a ofrecer máis axudas a Alcoa de non haber ese pacto.

CALES SON AS ALTERNATIVAS?

Semella difícil que Alcoa dea marcha atrás nas súas intencións de non ofrecer o Goberno o estatuto comprometido, e mesmo é dubidoso que de aprobarse acepte as condicións do documento. Ante esta situación, o comité chama ao Estado para que interveña a planta, a fin de asegurar a súa viabilidade.

Unha venda parece a única alternativa de renunciar Alcoa, pero os sindicatos, con todo, dubidan de que haxa un comprador con intención de investir a longo prazo sen un prezo competitivo e estable da enerxía eléctrica. A experiencia dos seus compañeiros da Coruña e Avilés, plantas que adquiriron fondos voitre, serve de exemplo. Así, reclaman ao Executivo que estableza un marco enerxético “predecible e competitivo” para que asuma a planta quen queira producir aluminio primario e non especular.

Fontes sindicais cuestionan tamén a boa vontade de Alcoa nunha venda, dado que entenden que quererá eliminar a posibilidade de ter competencia, de aí tamén a petición dunha nacionalización.

PERMITE A LEI NACIONALIZAR ALCOA?

O profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UdC), Carlos Aymerich, por encargo da CIG, presentaba en 2019 un “Informe Xurídico sobre a Adquisición Pública das Factorías de Alcoa na Coruña e Avilés”. Concluía que o Estado podería facerse coas plantas de forma transitoria para despois buscar investidores.

Podes consultar a entrevista completa ao autor do informe nesta ligazón do Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...