O comité de Alcoa San Cibrao iniciará o vindeiro luns unha folga indefinida para reclamar a intervención pública ante o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio, que suporía o despedimento de 534 obreiros da factoría e outros 400 de empresas auxiliares.
O paro, que comezará ás 8.00 horas, nunha situación agónica para os traballadores, e afectará principalmente á placa T, un dos tres formatos fabricados na planta -tochos, placas e o mencionado-, e o que ten menor valor engadido e por tanto menor rendabilidade. Os obreiros impedirán que saia este produto do complexo industrial, a fin de ter un impacto na economía da empresa evitando a perda de clientes.
En principio, o período de consultas do ERE rematará o 24 de xullo. Antes manteranse alomenos tres reunións entre obreiros e dirección de Alcoa, que só se amosou aberta a ampliar os prazos do proceso se hai un acordo para parar as cubas de electrólise. A multinacional alega que non ten “tempo” para negociar unha venda coa maquinaria acesa cando “as perdas que supón aluminio son de 1,2 millóns semanais”. Os sindicatos non contemplan esta opción pois ven improbable que un investidor compre a factoría cando xa non estea en funcionamento, dado que o rearrincado supón un desembolso millonario.
SEN TEMPO
Así as cousas, o tempo esgótase. Alcoa negouse a barallar a proposta de plan industrial do Goberno, esgrimindo que non ten “garantías” sobre o mesmo, e tamén a agardar para vender a planta coas cubas acesas, xustificando a súa postura “nas perdas”; o estatuto das electrointensivas comprometido polo Estado a fin de establecer un marco estable no custo e no tempo para o prezo da luz, esixencia ao longo dos últimos meses por parte da compañía para manter a produción, non ten, por agora, data de aprobación nin semella que vaia cambiar a posición da multinacional.
Diante desta situación, o Goberno central eludiu por agora intervir a fábrica. O luns, os sindicatos manterán unha reunión por videoconferencia co secretario xeral de Industria, Raül Blanco, agardando que lles comunique que o Executivo estatal intervirá a fábrica de urxencia, posto que non ven outra solución posible para conservar o emprego e a produción.