O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegurou que a mesa multilateral celebrada esta tarde coa Xunta de Galicia e o Goberno central “non ofreceu a solución ao problema” do despedimento colectivo que a multinacional estadounidense quere aplicar na planta de aluminio, e que suporía o despedimento de case 900 traballadores entre a factoría e a industria auxiliar.
Trala celebración da xuntanza, e ante os numerosos traballadores que se congregaban, durante o terceiro día de folga indefinida, na entrada do complexo industrial, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, afirmou que “quitamos unha reunión para a vindeira semana, martes ou mércores, que se anticiparía de tomar Alcoa unha decisión antes”.
O sindicalista expuxo que sindicatos e Administracións “puxeron en común” as “fórmulas para atacar unha primeira decisión de Alcoa” no tocante ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE). Zan indicou que o comité solicitou a Xunta e Goberno central que “aceleren os trámites, tanto cos servizos xurídicos en España coma cos de Europa, para unha intervención” pública da planta.
“Necesitamos máis concreción de calendarios e de datas a raíz da problemática que se presente co ERE”, abundou Zan, que instou ás Administracións a “seguir empurrando e que non se dobreguen ante a multinacional. Teñen que cumprir a súa palabra de que non van parar en ningún momento as cubas. Como obreiros seguimos igual que estabamos, aínda que non teñamos concrecións por escrito non temos nada”, remarcou.
O 13 DE OUTUBRO, DATA LÍMITE PARA COMUNICAR O ERE
“Non poden agardar a que Alcoa consume o ERE; que concreten antes e que se anticipen ás actuacións, iso é o que queremos”, salientou. A multinacional, despois de negarse a vender a planta de aluminio, rexeitando ofertas de Liberty House e da Sepi, e de non chegar a un acordo cos obreiros no período de consultas do ERE, ten ata o 13 de setembro para comunicar o despedimento colectivo.
O Goberno central insistiu este martes en presionar a Alcoa para que negocie a venda a partir de reclamarlle a devolución das axudas públicas recibidas de detectar algún incumprimento pola súa banda en materias administrativas, laborais ou medioambientais.
A CIG PIDE AOS GOBERNOS QUE AVANCEN “DE FORMA DECIDIDA” PARA UNHA INTERVENCIÓN “INEVITABLE”
A través dun comunicado, a CIG reclamou dos Gobernos español e galego avanzar de maneira decidida no proceso de intervención pública da fábrica de Alcoa San Cibrao, xa sexa mediante a adquisición transitoria proposta polo Ministerio de Industria ou abrindo a posibilidade á vía dunha expropiación, “pois neste momento a intervención parece inevitable”. Así o trasladou o secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, na reunión telemática celebrada esta tarde.
Pero para non quedar a expensas dos tempos que marque Alcoa, nomeadamente na execución dos despedimentos e unha parada das cubas “que sería desastrosa para a continuidade industrial”, Carril subliñou a urxencia de apurar prazos e concretar as medidas e os movementos. “Sabemos da complexidade xurídica dunha operación deste tipo, por iso os Gobernos teñen que redobrar esforzos e nós temos a man tendida para colaborar e facer as achegas necesarias en todo o que poidamos”, engadiu.
A este respecto, insistiu na necesidade de “coordinar as actuacións e sincronizar tempos” entre a representación dos traballadores, o Goberno español e a Xunta, para conseguir frear “os plans de desmantelamento” de Alcoa e, no máis inmediato, que a empresa non aplique o ERE. Neste senso, lembrou que, de estar derrogada a reforma laboral, a decisión non estaría en exclusiva en mans de Alcoa senón que requiriría da autorización administrativa previa.
De igual maneira, o secretario xeral da CIG demandou establecer un calendario de reunións da mesa e axilidade na celebración dos encontros porque “o tempo bótasenos enriba e sobre a realidade do dereito hai unha realidade de feito, que é o que Alcoa pode facer nos próximos días, o impacto que teñan as súas decisións e como iso se manifeste para o desenvolvemento deste conflito”.